O presente volume recolle os relatorios que un grupo selecto de investigadores de diversas universidades europeas presentaron no Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago, que tivo lugar os días 21, 22 e 23 de setembro na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Nel poderase achegar á análise de distintas zonas xeográficas e diferentes períodos cronolóxicos, con base en material literario ou en documentacións históricas, e desde unha perspectiva lingüística, maioritariamente, pero tamén cartográfica, histórica ou paisaxística. En todos os relatorios subxace unha consciencia común da importancia da toponimia como parte do patrimonio inmaterial: o seu estudo é tamén unha forma de contribuír á súa preservación, así como á divulgación da súa significación, tanto no plano semántico como no histórico ou no sociolingüístico.
En definitiva, estes traballos, que teñen como punto de partida diferentes territorios europeos, acaban demostrando que todos os camiños chegan a Santiago.