Os topónimos O Xurés e Gerês son, respectivamente, os nomes galego e portugués dun extenso parque natural situado na raia seca que divide Galicia e Portugal, no territorio da Limia Baixa ourensá. En portugués tamén se usa con artigo, como demostra o topónimo Caldas do Gerês, pero a tradición portuguesa adoita omitir os artigos na rotulación viaria e nos nomenclátores.
Segundo indica Gonzalo Navaza (2004, 155-159), a documentación medieval permite descubrir que o artigo masculino actual é o resultado dunha deglutinación ou aférese dunha vogal velar inicial: sub alpes Ugeres (ano 1074), subtus monte Ugeres (1096), rio Caldo subtus Ogeres (1100) etc. Este é o mesmo topónimo que figura con distintas variantes como nome dunha mansio no itinerario de Antonino: Aquis Oreginis, Aquis Originis, Aquis Ocerensis...
Respecto da etimoloxía, a documentación avala a interpretación de Edelmiro Bascuas (2002:239), quen propuxo un étimo *UGERENSE (s) para este topónimo, derivado dunha raíz hidronímica paleoeuropea *UG-. Por tanto, este topónimo fai referencia ás abundantes augas que nacen e baixan por entre as pedras das corgas desta serra.
Nós non temos dúbida, en calquera punto de Galicia vívese moi ben... pero hai algúns lugares onde se vive mellor porque xa nolo din os…
A próxima versión do Nomenclátor de Galicia estará composta por case 43.000 topónimos oficial sumando os nomes de concellos,…