Salceda de Caselas toponimizouse o pasado venres
O concello pontevedrés de Salceda de Caselas sumouse o pasado venres día 13 de setembro á campaña Toponimízate, que desde o ano 2017 percorre Galicia promovendo entre a poboación a salvagarda da nosa toponimia tradicional.
A alcaldesa de Salceda de Caselas, María Doleres Castiñeira Alén, e mais o concelleiro de Cultura, Alejandro Rodríguez Canosa, foron os encargados de presentar o acto, que tivo lugar na Casa da Cultura Castelao, e o relator, Vicente Feijoo Ares.
O equipo de goberno deste concello leva tempo mostrando o seu interese en recuperar e fixar a microtoponimia salcedense, pois xa financiaron un traballo de recolleita dos nomes menores das parroquias de Entenza e Soutelo realizado pola profesora xubilada Helena Pousa Otero e mais polo seu fillo Amaro G. Pousa titulado Toponimia e cartografía da parroquia de Entenza. Agora pretenden chegar ao resto de parroquias do seu municipio e para isto, ademais da continuidade do traballo de Helena e do seu fillo na parroquia da Picoña, contan con involucrar a veciñanza que asistiu á charla e mais ao profesorado e alumnado do IES Pedras Rubias.
De momento, xa podemos ver na plataforma Galicia Nomeada os topónimos recollidos nas parroquias de Entenza e Soutelo. Esperemos que a finais de ano xa se poidan anunciar a recolleita completa doutras parroquias deste concello.
Como é habitual nas charlas Toponimízate, Vicente Feijoo centrou o seu relatorio en explicar todas as funcionalidades da aplicación Galicia Nomeada: o procedemento para darse de alta como usuario; como engadir un novo topónimo e os diferentes campos que se deben cubrir; como anexar arquivos de son e de imaxe; como facer suxestións sobre os topónimos xa existentes na plataforma...
Para rematar, a toponimia de Salceda de Caselas protagonizou o último dos bloques da charla. As persoas asistentes puideron coñecer a orixe e mais o significado dos nomes das súas parroquias (A Picoña, Parderrubias, Santo Estevo de Budiño...) e dalgunhas aldeas polas que se preguntou (A Basquida, Bouzapanda, O Madorro, O Toural...). Entre as curiosidades, falouse da castelanización do nome dunha das parroquias, pronunciada pola inmensa maioría da xente como *Entienza, cando a forma patrimonial e agora oficial é Entenza, tal e como explicamos neste artigo.
Láncara, seguinte parada da campaña Toponimízate
A rapazada do CPI Ramón Piñeiro de Láncara será a seguinte en recibir a campaña Toponimízate, o vindeiro venres 20 de setembro a partir das 12:00 horas.