A parroquia de Entenza presenta a súa microtoponimia cartografada
O pasado domingo 25 de febreiro tivo lugar a presentación dun proxecto no que desde hai uns anos están a traballar con moito coidado e mimo dous grandes apaixonados da nosa toponimia tradicional, Helena Pousa Ortega, como filóloga, e Amaro G. Pousa, como cartógrafo, co apoio incondicional da corporación municipal do Concello de Salceda de Caselas. Trátase do traballo titulado Toponimia e cartografía da parroquia de Entenza, un labor de recompilación e investigación durante anos dos nomes das terras e dos lugares da parroquia de Entenza, que agora se presenta en mapas sobre imaxe aérea.
Helena Pousa Otero, profesora xubilada de ensino secundario, é unha gran coñecedora da lingua e da cultura do Baixo Miño, sabedoría que plasmou en diferentes publicacións e difundiu nas múltiplas organizacións e asociacións de que formou e forma parte. Trátase tamén dunha das maiores colaboradoras do proxecto Galicia Nomeada: as súas máis de 1.300 achegas toponímicas á plataforma colócana entre as 10 persoas e institucións colaboradoras que máis topónimos incluíron na plataforma desde a súa posta en marcha.
Man a man con ela, Amaro G. Pousa achegou os seus amplos coñecementos como xeógrafo para crear unha cartografía dixital e en papel a grande escala que inclúe os máis de 400 microtopónimos que Helena Pousa foi quen de recuperar botando man principalmente da sabedoría das persoas maiores desta freguesía salcedense e tamén consultando moita documentación antiga, como os libros de amillaramento, de afanegados, o Catastro do Marqués de Ensenada...
O resultado desta Toponimia e cartografía da parroquia de Entenza son uns mapas de gran tamaño, que o Concello de Salceda de Caselas se encargou de plotear e enmarcar en cartón pluma para consulta e beneficio de toda a veciñanza. Estes mapas expuxéronse no acto do pasado domingo 25 de febreiro nunha Casa Escola de Entenza ateigada de xente a pesar das inclemencias meteorolóxicas. Entre as persoas presentes estaban moitos dos informantes, os grandes coñecedores de Entenza e gardiáns do seu tesouro toponímico.
Na presentación do acto estivo a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, acompañada dunha boa parte da corporación municipal, entre os que salientamos a Alejandro Rodríguez Canosa, concelleiro de Cultura encargado de presentar e dar a palabra a cada un dos intervinientes, Selene González, concelleira de Benestar Social e Participación, e Marcos Troncoso, de Medio Rural, Mocidade e Turismo. Na súa intervención, a alcaldesa anunciou que este foi o primeiro chanzo dun proxecto que xulgan global e expresou a vontade da súa administración de exportalo ao resto de parroquias que conforman o concello salcedense. Por tanto, esperan que esta iniciativa se vaia estendendo pouco a pouco ás parroquias de Parderrubias, A Picoña, San Xurxo de Salceda, Santa María de Salceda, Santo Estevo de Budiño e Soutelo, as outras seis freguesías que xunto a Entenza conforman o termo territorial deste municipio.
Ao acto foi convidado Vicente Feijoo, en calidade de coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e como membro da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia encargada de oficializar os topónimos galegos, quen aproveitou a tribuna que lle ofreceu o Concello de Salceda de Caselas para animar a todas as persoas asistentes a colaboraren na salvagarda dos nomes do seu concello, non só axudando a Helena e Amaro, senón introducindo tamén esa información na plataforma Galicia Nomeada, tal como xa se fixo coa microtoponimia desta parroquia de Entenza. Ademais, na súa intervención puido explicar cales foron os criterios que levaron ao Seminario de Onomástica da RAG e á Comisión de Toponimia da Xunta para adoptar determinadas decisións respecto da forma oficial dalgúns dos nomes de aldea ou barrio desta parroquia de Entenza que aparecen no Nomenclátor de Galicia e que xeran algún tipo de controversia entre a veciñanza.
Así, explicou que se optou pola forma Donelle en lugar da forma Donello, propia da oralidade, por ser a primeira máis próxima a súa etimoloxía: Donelle posiblemente procede de DONNELLUS ou DONNELIUS, forma diminutiva de DOMINUS a través de DOM'NELLUS. Diferente foi o criterio aplicado respecto á Basquida, con B non etimolóxico, pois procede dun nome de propietaria medieval, VELASQUITA. A escolla neste caso respondeu ao criterio da tradición gráfica consolidada, pois nos últimos séculos esta foi a única forma rexistrada na documentación consultada. Outros topónimos que trouxo a colación Vicente Feijoo na súa intervención foron o propio nome da parroquia, Entenza (a forma oral e escrita nos últimos séculos era o castelanismo Entienza) ou A Corisca, pronunciado pola xente como A Curisca.
Como remate, queremos agradecer o convite do Concello de Salceda de Caselas para participar na presentación do seu proxecto de recuperación toponímica ao tempo que lle ofrecemos a nosa axuda e colaboración para levalo adiante no resto das súas parroquias. De feito, co obxectivo posto en que esta información contribúa a enriquecer tamén a base de datos do proxecto institucional Galicia Nomeada e chegue así a un maior número de persoas, Vicente Feijoo xa adiantou publicamente que o concello de Salceda de Caselas será un dos beneficiarios de campaña Toponimízate deste ano 2024. A charla será programada para a primavera ou o verán.
Pero, sobre todo, queremos salientar e agradecer o exhaustivo e inmenso traballo de Helena Pousa a prol da recuperación do patrimonio cultural inmaterial da comarca do Baixo Miño, principalmente da súa microtoponimia.