O Concello de Boiro continuará a colaboración co proxecto Galicia Nomeada iniciada polo IES A Cachada
A edición 2024 da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra baixou o pano este pasado venres logo de percorrer o país de Norte a Sur e de Leste a Oeste. Doce concellos das catro provincias galegas e centos de persoas sumáronse á iniciativa da Real Academia Galega, que conta co apoio económico da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, e que ten como obxectivo salvagardar unha parte moi importante do noso patrimonio cultural inmaterial que nos fai únicos en toda Europa, a nosa toponimia.
A última das citas deste ano tivo lugar no Centro Social de Boiro e foi conducida pola concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carmen Silva Rodríguez, quen escusou a ausencia do alcalde, José Ramón Romero García. Ela foi a encargada de presentar ao relator Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e da plataforma Galicia Nomeada, acompañada pola concelleira de Medio Ambiente e do Mar, Olga González Blanco, e pola técnica de Normalización Lingüística, Helena Dosil Redondo.
Vicente Feijoo aproveitou a ocasión para agradecer a boa acollida do proxecto Galicia Nomeada por parte da veciñanza deste concello de Boiro, pois hai ducias de persoas dadas de alta na plataforma que xa engadiron máis de 600 mixrotopónimos desde o lanzamento da aplicación Galicia Nomeada. Moitas delas son alumnos dun dos institutos deste municipio, o IES A Cachada, grazas a unha iniciativa levada a cabo polo Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do centro a través do seu proxecto didáctico STARgal2021.
A pesar da importancia deste traballo inicial en que alumnado e profesorado recolleron unha boa parte da microtoponimia boirense, aínda queda moito traballo por facer noutras parroquias do concello como Bealo ou Macenda. Por iso, Vicente Feijoo fixo un chamamento para que as persoas asistentes colaborasen e difundisen entre a súa veciñanza a urxencia de salvagardar os nomes da súa terra e do seu mar. Neste senso, cómpre destacar que atopou moita receptividade para as súas propostas por parte das representantes da corporación municipal presentes, xa que desde o departamento de Educación e Normalización Lingüística pretenden involucrar os 9 centros de ensino existentes neste concello e, desde o departamento de Medio Ambiente e Mar, farán o propio coa confraría de pescadores, comunidades de montes e asociacións.
Como xa vén sendo habitual nas charlas Toponimízate, no relatorio falouse da importancia da nosa toponimia como patrimonio cultural e do risco que corre de perderse; do funcionamento da aplicación Galicia Nomeada coa que a xente pode colaborar na súa salvagarda e difusión; dos usos prácticos desta información para a Administración local, para a Normalización Lingüística e para a aprendizaxe do alumnado no ensino; e, por último, da información lingüística, histórica e cultural que nos achega a toponimia a través dos nomes de parroquias e aldeas de Boiro.
Esta parte final da charla onde se explicou a orixe e significado dos topónimos maiores de Boiro suscitou moito interese e participación entre os asistentes. Concretamente, un dos anteriores alcaldes de Boiro, Xosé Deira, expuxo as súas propias teorías sobre algúns dos nomes das parroquias boirenses, entre elas a de Abanqueiro, para a que existen ata cinco hipóteses etimolóxicas que repasaremos neste artigo. Nesta sección tamén se emitiu un dos vídeos da serie de micropezas documentais da RAG denominada O Seminario de Onomástica responde, en que a académica Ana Boullón Agrelo explica a etimoloxía do nome do concello, Boiro. Como curiosidade, é importante sinalar a cantidade de topónimos prerromanos que existen neste concello: Bealo, Sealo, Cespón, Lampón, Cures, Comoxo, Coroño, Loxo, Teaño, Deira...