Fase 6: Exposición pública dos mapas toponímicos

Unha vez revisada a toponimia de campo dun determinado concello, supervisada pola Comisión de Toponimia e dixitalizada, maquetábanse os mapas topónimos por parroquias e expoñíanse nos locais habilitados polo concello. Para isto, organizábase un acto presidido polo alcalde, representantes das consellarías que financiaban o proxecto, ademais do director deste e técnicos do SITGA. Ao acto eran convidados os informantes, a veciñanza e o alumnado dos colexios próximos.

Estas exposicións servían para agradecer o traballo dos informantes e concienciar a veciñanza sobre a importancia de preservar os nomes históricos, e tamén tiñan como obxectivo detectar e corrixir posibles erros, á parte de completar con novos nomes aquelas zonas onde se detectaban algunhas carencias. O material que se amosaba nelas era o seguinte:

Mapas toponímicos:

  • A cartografía toponímica tiña unha escala 1:3.000 - 1:5.000 e elaborábase a partir de ortofotos do SIXPAC. Dependendo do tamaño de cada parroquia, esta podía representarse nun ou en varios mapas.
  • Os textos presentaban distintas cores para diferenciar tipoloxías xeográficas (entidades, elementos de interese cultural, paraxes, hidrografía, accidentes costeiros e equipamentos).
  • Os lindes territoriais da parroquia só tiñan carácter informativo.

Documentación:

  • Listaxe de topónimos recollidos en campo ordenados por tipoloxía xeográfica
  • Listaxe de topónimos normativizados pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia
  • Listaxe de topónimos para revisar en campo (dúbidas dos membros da Comisión de Toponimia)
  • Informe de carencias na recolleita de campo
  • Informe da documentación empregada (Nomenclátor de Galicia)
  • Gráficos cos resultados obtidos no traballo de campo

Fichas:

Estas fichas foron deseñadas co obxectivo de recoller información actualizada fornecida polos veciños e visitantes á exposición, tanto se se trata de novos topónimos como se son modificacións de nomes recollidos incorrectamente na primeira fase do traballo, ben na súa localización, ben na súa localización ben na forma escrita.

Fase 5: Dixitalización dos topónimos na ortofoto         ------         Fase 7: Introdución de nova información

 

  • Fase 6: Exposición pública dos mapas toponímicos
  • Exposición pública dos mapas toponímicos