O Simposio Internacional de Toponimia no Camiño reúne en Santiago as voces expertas sobre a onomástica xacobea

Os vindeiros 21, 22 e 23 de setembro, especialistas de toponimia de Galicia, España e Europa reuniranse na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela no Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago. O simposio está organizado pola Real Academia Galega en Colaboración co Instituto da Lingua Galega e a Asociación Galega de Onomástica, conta co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, e servirá para presentar as novas investigacións sobre a relación que manteñen as diferentes vías de peregrinación xacobea cos nomes de lugar.

Malia que a toponimia centrará o simposio, as institucións organizadoras procuraron que se tratase dunha cita transversal en que o europeísmo e a multidisciplinaridade tivesen un papel protagonista. Temas como o uso e aplicación das novas tecnoloxías, a historia, a cartografía e o turismo tamén estarán presentes nun amplo programa de relatorios que se pode consultar completo na páxina do evento.

A primeira xornada do encontro centrarase no Camiño de Santiago en Galicia e arrincará coa conferencia do académico de número electo Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e membro do Seminario de Onomástica da RAG. Nesta sección inaugural participarán outros membros do Seminario de Onomástica da RAG como Xosé María Lema ou Vicente Feijoo Ares, así como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, alén de expertos como Xosé Manuel Sánchez Rei, da Universidade da Coruña, cunha contribución sobre a toponimia menor de Sobrado na época medieval; e Paula Bouzas, profesora do departamento de Lingüística Románica da Universidade de Gotinga (Alemaña), que presentará o Tombo de Iria como fonte de información toponímica.

O Camiño de Santiago na Península Ibérica será o eixe das intervencións da segunda xornada, con achegas arredor da onomástica no Camiño na área catalano-valenciana, e en Aragón, Portugal ou Euskadi a cargo de especialistas como o catedrático da Universitat de València Emili Casanova; Javier Giralt, profesor da Universidade de Zaragoza; Carlos Rocha, investigador do Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa; Patxi Salaberri, académico de número de Euskaltzaindia e catedrático da UPNA; e Mikel Gorrotxategi, de Euskaltzaindia.

O programa do venres estará dedicado ao Camiño de Santiago en Europa, á cartografía e mais á historia medieval e contará con voces como as de Elena Papa e Alda Rossebastiano, da Università di Torino, e Pierre-Henry Billy, do Centre National de la Recherche Scientifique francés, con achegas sobre a toponimia xacobea na área subalpina e Francia; Marta Montilla, do Instituto Xeográfico Nacional, que falará sobre os recursos xeográficos e dixitais do Camiño da institución á que pertence; Carlos Baliñas, cunha contribución sobre os usos sociais dos sobrenomes na Galicia altomedieval e a posible influencia no Camiño; José Carlos Sánchez Pardo, que falará sobre a relación entre os topónimos e o estudo histórico da paisaxe ao redor das rúas xacobeas en Galicia; e Irene García Losquiño, que ofrecerá unha ollada á pegada da migración viquinga na paisaxe arqueolóxica e na toponimia.

Para aquelas persoas que non puideron anotarse como asistentes, o encontro tamén poderá seguirse por streaming a través desta páxina e da canle de Yotube da Real Academia Galega.
 

 
Tipos