5 parroquias onde os seus habitantes son dobremente galegos

Hai quen pode presumir de galego por partida dupla: son os habitantes de cinco parroquias denominadas Galegos dos concellos de Láncara, Navia de Suarna, Frades, Lalín e Riotorto, e doutros lugares ou aldeas en Meira, Vedra ou Pantón: galegos de Galegos!

Reafirmar a procedencia ou ascendencia galega duns antigos moradores ou fundadores é, cando menos, curioso para un lugar de Galicia. Por iso, foron diferentes as teorías que se expuxeron para explicar algúns destes topónimos. Nicandro Ares fainos derivar dun patronímico, isto é, o sobrenome ou signum persoal medieval Callaicus / Callaecus. O argumento baséase en que se houbo un xeneral romano Iunius Brutus Callaicus é probable que houbese máis persoas con ese sobrenome, especialmente en datas temperás cando aínda non estaba xeneralizada a forma Gallaicus ou Galegos para se referir aos habitantes de todo o territorio.

Cabeza Quiles, sen desbotar esta opción, ve nalgúns destes topónimos Galegos unha forma de distinguir os moradores dun lugar en oposición aos doutro próximo. Este sería o caso da parroquia de Galegos de Láncara, situada non moi distante da de Toldaos, onde habería un grupo importante de persoas emigradas desde Toledo, de aí o nome; ou tamén da aldea Galegos de Vedra, situada ben preto dunha outra chamada Cumbraos, poboada na orixe posiblemente por habitantes de Coimbra.

Mais esta última explicación non se podería aplicar a todos os casos, polo que queda para as hipóteses cal foi a verdadeira orixe de cada un deses topónimos. Habería un Galegos ou habería varios Galegos?

Tamén che pode interesar...

Trasancos é hoxe o nome dunha parroquia de Narón e doutra do municipio veciño de Ferrol, Santa Icía de…

En Ponte Caldelas existe un castro á beira do embalse de Eiras onde morou, en tempos remotos, un habitante singular: un xigante de…