A rapazada do IES Illa de Arousa volve implicarse activamente no proxecto Galicia Nomeada
A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da nosa terra visitou o pasado venres 18 de outubro a moderna Casa do Concello da Illa de Arousa. Alí agardaban o tenente alcalde, Manuel Suárez Nieto, e mais unha das profesoras de lingua e literatura galega do IES Illa de Arousa, Helena Domínguez García. Ambos os dous foron os encargados de presentar a palestra e mais o relator, Vicente Feijoo Ares, coordinador do proxecto Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG.
Cómpre dicir que a iniciativa de solicitar a charla Toponimízate neste concello partiu meses atrás da anterior concelleira de Cultura, Laura Castro, que non puido estar por motivos laborais, ao igual que a actual concelleira Helena Otero. O interese de organizar esta actividade na Illa veu propiciado, en boa parte, polo empeño da profesora Helena Domínguez en continuar co seu alumnado o traballo de recolleita da microtoponimia deste concello iniciado hai tempo desde o centro de ensino onde imparte docencia.
Hai dous anos demos conta neste portal do Proxecto TopArousa, unha iniciativa de recuperación e coñecemento dos nomes das terras e do mar que rodean toda a illa na que a rapazada de terceiro e cuarto da ESO ía coñecer a historia deste paraíso natural e tamén os seus nomes. A iniciativa estaba impulsada polo Departamento de Lingua Galega, dirixido daquela por Fe Souto, e contaban coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística, coordinado por Helena Domínguez. Grazas ao Proxecto TopArousa, conseguiron enriquecer Galicia Nomeada con varias ducias de topónimos: O Porto das Mulleres, A Punta do Niño do Corvo, A Praia do Espiñeiro... Pero aínda queda moito por recoller.
A visita de Toponimízate deste ano tiña como obxectivo, por un lado, informar a veciñanza deste proxecto para que se sumen a el e, por outro, formar ao novo grupo de alumnos do centro que colle a remuda dos seus compañeiros. Deste xeito, no salón de plenos da Casa da Concello estiveron presentes arredor duns 50 alumnos de 3º e 4º da ESO do IES Illa da Arousa.
Como xa vén sendo habitual nas charlas da campaña Toponimízate, Vicente Feijoo fixo unha introdución sobre o valor cultural da toponimia galega e falou do risco que corre de perderse nos últimos tempos, para despois pasar a explicarlles aos presentes como funciona a plataforma Galicia Nomeada coa que poden salvagardalos e difundilos. Para isto, detívose nas principais funcionalidades desta aplicación: como introducir un topónimo; como anexar imaxes, arquivos de son ou documentos; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor...
Na parte final da charla, Vicente Feijoo faloulles aos asistentes da orixe e significado dos nomes das entidades de poboación, aquí chamadas barrios ou rueiros, da Illa de Arousa que forman parte do Nomenclátor de Galicia. Detívose especialmente no nome de toda a ría, Arousa, documentado desde antigo con formas como insula Arauza, Arauca (ano 899, 911), Arouza, Aroucia (912), Arautiam (1115) etc. Trátase dun topónimo prerromano moi antigo que, segundo Edelmiro Bascuas, contén un derivado da raíz hidronímica *AR-, *ER- ‘moverse, fluír’; é dicir, é un topónimo que se refire ás augas en movemento, que flúen. Tamén se parou en presentar as distintas hipóteses que barallan os toponimistas sobre un nome único en toda Galicia, Testos, tal como podemos ver nesta publicación.
Boiro pechará a campaña Toponimízate 2024
A proveitosa edición do ano 2024 da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegará á súa fin o vindeiro 8 de novembro. Farao no Centro Social de Boiro. a partir das 20:00 horas.