Álvaro Crego recolle a toponimia de Cervo e Burela a través de Galicia Nomeada

Álvaro Crego Deán, un mozo burelense de 22 anos, lanzouse, xunto cos seus avós José Crego e Jorge Deán, á salvagarda da toponimia dos concellos de Cervo e de Burela a través da aplicación Galicia Nomeada.

Como relata nesta nova, Álvaro Crego, constatou que nestes dous municipios da Mariña había moi pouco traballo de campo feito cando calculaba que, aproximadamente entre os dous deben sumar arredor de 3.000 nomes de lugar. Co seu avó Pepe comezou a percorrer os sitios mentres a situación sanitaria o permitiu e co seu outro avó, Jorge, localizábaos no mapa a través da aplicación.

Este tempo con eles serviulle non só para “lembrar historias e anécdotas que levaban anos esquecidas" senón tamén para recuperar nomes xa desaparecidos, como a antiga praia de Castrelo, desaparecida coa ampliación do porto, ou O Peteiro, a rocha que dominaba esta praia, topónimos que Álvaro Crego incluíu en Galicia Nomeada coa súa correspondente descrición, fonética e tamén con imaxes antigas. “Houbo un tempo en que os mariñeiros sabían que era a Punta Patamariña ou a Cova de Xan Vello, pero de non recuperarse agora perderíanse porque xa non hai quen os coñeza”, afirma Álvaro, consciente da perda irremediable deste parte do patrimonio cultural inmaterial.

Álvaro pensa que o tempo que dedicou a este traballo “non se perde, senón que se gana” pois serve “para salvar o nome da leira dos avós, do muíño da familia ou da pedra da praia onde ías de pequeno". Grazas ao seu labor, o proxecto Galicia Nomeada conta con 300 topónimos máis dos concellos de Cervo e de Burela para consulta dos seus veciños e que perdurarán para sempre. Nestes concellos xa se recolleran a través do desaparecido Proxecto Toponimia de Galicia (PTG) uns 2.600 microtopónimos en Cervo e uns 560 en Burela. Os de Cervo aínda non están dispoñibles para consulta no visor de Galicia Nomeada, pero si os de Burela.

Ademais, temos que agradecerlle a Álvaro a difusión da aplicación Galicia Nomeada por toda a Mariña a través das redes sociais, pois fixo un chamamento á participación dos seus veciños para que non se perda "a máis alta densidade de topónimos de toda Europa". Contamos con ducias de colaboradores e colaboradoras deste zona e estamos seguros que foi, en parte, grazas a el. Desde o proxecto Galicia Nomeada, queremos agradecer o seu interese e dedicación por salvagardar e difundir a microtoponimia da súa terra. Moitas grazas, Álvaro!

 

Tamén che pode interesar...

Este venres 23 de agosto tivo lugar en Cervás a presentación dun extraordinario traballo de recollida e rexistro da talasonimia, isto é…

O IES de Meaño, un dos centros máis activos na plataforma Galicia Nomeada, presentou un interesante proxecto de posta…