Nun concello como o de Fisterra, onde o mar é máis que un sinal de identidade, non é de estrañar que algúns dos nomes das súas entidades de poboación estean relacionados coas actividades mariñeiras. Sen ir máis lonxe, temos a freguesía de Sardiñeiro, coas localidades de Sardiñeiro de Abaixo e Sardiñeiro de Arriba, cuxo topónimo pode facer referencia a un lugar abundante en sardiñas, que podería estar na enseada homónima, ou ben referirse ás actividades comerciais relacionadas con este peixe que puido exercer un dos seus primeiros poboadores. Na freguesía lindeira, San Martiño de Duio, está un dos areais máis concorridos no verán, a praia de Langosteira, onde noutrora debeu abundar este suculento crustáceo. Sardiñeiros e Langosteiras son dous topónimos que podemos atopalos noutras partes da costa galega, mais en Fisterra hai un ictiotopónimo (nome de lugar referido a un peixe) único en todo o país, A Anchoa.
A Anchoa non é unha palabra patrimonial do galego común, malia que está recollida no Dicionario da Real Academia Galega co significado de ‘bocarte en conserva’. José Cornide, no seu Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia, deixa constancia que en 1788, ano de publicación da obra, este peixe “llámasele en el país bucareu”, polo que a entrada da palabra anchoa puido ser posterior. A finais do século XVIII e comezos do XIX, unha grande cantidade de industriais e comerciantes de Catalunya estableceuse nas costas galegas coas súas industrias conserveiras. Con eles puido chegar a súa palabra, anxova en catalán, talvez coa mediación do castelán.
Sexa como for a entrada deste termo no galego común, o certo é o que o topónimo A Anchoa non é un nome de lugar patrimonial: non aparece rexistrado en ningún nomenclátor histórico galego nin nos catastros anteriores ao moderno. Os primeiros testemuños do nome aparecen na prensa de finais dos anos 60 do século pasado, onde se fai referencia a “La playa de La Anchoa, también en la entrada de Finisterre, situada al borde de la carretera” (La Voz de Galicia, 7 de outubro de 1966). Se temos en conta o que dixemos anteriormente para os lugares da Langosteira e do Sardiñeiro, a priori poderiamos pensar que neste lugar de Fisterra puido haber algunha industria relacionada coa conserva do bocarte e que lle acabaría por dar nome ao lugar. Porén, non consta existencia documental disto último.
Daquela, cal puido ser a orixe do topónimo? Segundo a sabedoría popular A Anchoa ten orixe nun establecemento de hostalaría da zona da recta de entrada á poboación que tiña por costume dar coa consumición unha tapa de anchoa. Esta, que podería ser unha etimoloxía popular, foi corroborada polas persoas asistentes á charla Toponimízate do pasado 10 de outubro de 2022, algunhas coa idade suficiente para lembraren o nacemento do topónimo e o local exacto de hostalaría, que en épocas pasadas tivo o nome pintado na medianeira, como pode verse na imaxe superior. Este feito puido incidir tamén en que se fixase como referente do lugar o nome do establecemento. A cuestión é que, coa paulatina construción de novas casas xunto con outros establecementos comerciais e turísticos nesta zona, acabou formándose unha nova entidade de poboación coñecida e rexistrada oficialmente con este nome tan singular.
A Anchoa, pois, é un topónimo con pouco recorrido vital, algo máis de medio século, e cuxo referente é un local de hostalaría.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…