Arredor do topónimo Punta Nariga

Un dos faros máis impresionantes da nosa costa, o de Punta Nariga apareceu este martes 15 de marzo sen un dos seus símbolos de identidade, o Atlante. A escultura, obra de Manuel Coia, formaba xunto co faro de César Portela un dos conxuntos arquitectónicos máis singulares de toda a Costa da Morte e constituía todo un exemplo de integración cunha contorna non menos espectacular.

Este punto da costa de Malpica de Bergantiños é de visita obrigada para quen queira gozar do espectáculo do mar e do vento no seu máximo apoxeo. As formacións rochosas da contorna, moitas delas zoomórficas e antropomórficas, confírenlle ao lugar un encanto que foi obxecto de reflexión de múltiples estudos e de lendas creadas pola sabedoría popular: nunha delas, contan que no alto de Punta Nariga reúnense os ventos para repartírense os mares.

O seu topónimo, Nariga, foi estudado por diferentes investigadores e tamén conta coas súas etimoloxías populares. Segundo o acervo popular, Nariga procedería da forma latina NARICEM, que no galego común derivou no substantivo “nariz”, e faría referencia á forma que ten a punta.

Desde o punto de vista científico, Tovar na súa obra Las tribus y las ciudades de la antigua Hispania (1989) relacionouno cunha base indoeuropea *ner- / *aner-  co significado de 'forza vital', 'home'. Estaría emparentado, xa que logo, con outros topónimos como Naraío, Naraído e, por tanto, sería “de la misma raíz que el río Neira”, segundo Moralejo en Hidronimia y léxico de origen paleoeropeo en Galicia.

Esta semellanza fonética no inicio entre Nariga e Neira levou a que diferentes autores relacionasen Punta Nariga co mítico Promotorio Nerio, descrito por Ptolomeo como o lugar onde situaba o Solis Arae, isto é, o altar ao deus sol. Foi Leopoldo Martínez Padín quen na súa Historia política, religiosa y descritiva de Galicia (1849) quen afirmou que Nariga era así chamada “por los pueblos Nerios que aquí terminaban" o seu territorio. Porén, non existe consenso nesta identificación pois outros autores localizaron este Ara Solis do Promontorium Nerium noutros dous puntos tamén míticos da Costa da Morte como son Fisterra ou o Cabo Touriñán.

Sexa como for, o que desexamos desde aquí é que a figura, metade home e metade gaivota comezando a voar, sexa atopada axiña e regrese ao punto do que nunca tivo que marchar, o marabilloso Faro de Punta Nariga.

 
Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…