O río Asma marca en boa medida a identidade e a paisaxe de Chantada, pois cruza o territorio deste concello de leste a oeste ata chegar ao “pai Miño”, onde verte as súas augas. Non é casual, xa que logo, que catro das freguesías chantadinas fagan referencia explícita ao río na súa denominación (San Fiz de Asma, San Salvador de Asma, San Xurxo de Asma e Santa Uxía de Asma), nin tampouco que na documentación medieval a vila se coñecese como A Pobra de Chantada de Asma.
Agora ben, o nome deste curso fluvial transcendeu a comarca chantadina e mesmo a provincia lucense para deixar pegada noutros puntos do país. A partir dos xentilicios derivados desta denominación xurdiron outros topónimos en zonas máis meridionais, especialmente na provincia de Ourense, onde se asentaron colonos procedentes da antiga Terra de Asma. É o caso do lugar de Armeses, en Maside, documentado en 1312 na cadea onomástica Domingo Eanes d'Asmeses que evidencia a súa orixe etimolóxica, ASMENSIS, e cuxa grafía actual reproduce o rotacismo propio da zona.
Outros topónimos ben interesantes que fan referencia a habitantes procedentes desta zona bañada polo río Asma son aqueles formados co sufixo -ANOS e que presentan unha falsa segmentación que escureceu a súa orixe. Así, da forma ASMANOS temos en galego os etnotopónimos Asmaos ou Asmaus ‘xente procedente de Asma’. Pero, por interpretación popular e por analoxía coa palabra do léxico común ‘mao’ (‘man’ no galego normativo) este topónimo pasou a escribirse como As Maus. Denomínanse así unha parroquia e lugar no concello de Vilar de Barrio, e dúas aldeas nos concellos de Bande e Rairiz de Veiga, así como a parroquia e lugar de Muíños chamada As Maus de Salas. Segundo Luz Méndez e Gonzalo Navaza, estes topónimos permaneceron nos manuais de toponimia como formas de orixe escura ou atribuíuselles, como fixo Elixio Rivas, unha orixe preindoeuropea. Porén, para estes dous membros do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, non hai dúbida da súa vinculación co río Asma e coa Terra de Asma.
A etimoloxía do topónimo Asma non resulta sinxela de descifrar, aínda que, como acontece con outros hidrónimos antigos, a súa orixe é prelatina. O radical de Asma podería estar relacionado coa raíz indoeuropea AR-, que significa 'auga' ou 'río', segundo defenderon autores como Dauzat, Deslandes e Rostaing, e tamén Elixio Rivas. Ademais, é posible que o topónimo inclúa o sufixo átono indoeuropeo de valor aumentativo –(S)AMA, apuntado por Menéndez Pidal e presente noutros topónimos como Masma, Osma ou Ledesma. Segundo Mendez e Navaza “non existen obstáculos para propoñer unha evolución desde unha forma ARSAMA, que tería como significado orixinal ‘gran río’ ou ‘río caudaloso’.
Bibliografía
L. Méndez / G. Navaza (2004): “Xentilicios e nomes persoais na toponimia de Chantada”, en R. Álvarez / F. Fernández Rei / A. Santamarina (eds): A lingua galega: historia e actualidade. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / Instituto da Lingua Galega, vol. 3, 523-532.
Rivas Quintas, E. (1994): Lingua galega, niveis primitivos, Laiovento, Santiago de Compostela, 1994
Son innúmeras as ocasións en que nesta páxina aludimos á importancia que ten a toponimia para descubrir a historia do territorio que…
A gran base de datos da toponimia tradicional galega, Galicia Nomeada, suma…