Camariñas, un topónimo que pode presentar diferentes orixes

É ben difícil escoitar a palabra Camariñas sen deixarse levar e recitar os versos que compoñen unha das cantigas máis afamadas do noso acervo cultural: “Ao pasar por Camariñas, por Camariñas cantando...”. Melodía ben fermosa, abofé, que se corresponde coa beleza paisaxística deste concello da Costa da Morte e coa sonoridade do propio topónimo, Camariñas.

Se difícil é non cantar, tamén o é non relacionar o propio topónimo Camariñas co arbusto da familia das ericáceas do mesmo nome, tamén chamado caramiña. Os dous, o topónimo e o arbusto, non só coinciden na forma senón tamén na localización: outrora abundantísimo no litoral galego, hoxe as ribeiras dos cabos camariñáns do Trece e Vilán son dúas das maiores colonias do arbusto en toda a costa galega e, por extensión, do mundo, pois estamos ante unha planta que é endémica da costa peninsular atlántica. Esta relación tan estreita entre planta e localización atopámola no outro extremo do hábitat deste arbusto, o Cabo Camarinal, na costa de Cádiz. 

Gonzalo Navaza certifica esta vinculación entre planta e topónimo que se vén facendo desde que se fixou nela o Padre Sarmiento no século XVIII. Na súa obra Os nomes dos concellos da provincia da Coruña conecta tamén Camariñas coa Pobra do Caramiñal, outro concello coruñés situado no litoral atlántico que compartiría a mesma referencia fitotoponímica. 

O enigma toponímico, pois, parece máis que resolto... Agora ben, que facer con outras localidades chamadas da mesma forma e que fican lonxe do hábitat da camariña? Referímonos, por exemplo, á Camariña, entidade de poboación da freguesía de Adelán (Alfoz), e outras como as asturianas Camarín, Sucamarín ou Camarón. Segundo o filólogo asturiano Xosé Lluis García Arias, estes topónimos conteñen un derivado con sufixación da voz cámara, un termo de orixe latina que designaba unha construción, especialmente unha construción abovedada, polo xeral dedicada ao culto. Na orixe destes lugares de interior, xa que logo, debeu existir algunha edificación singular que serviu como referente para este topónimo. 

Aínda que parece menos probable para o caso destes dous concellos coruñeses, non debemos descartar a posibilidade de que o topónimo Camariñas tamén conteña un derivado diminutivo de cámara; cando menos, nas súas localizacións no interior de Galicia.

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…