A controvertida orixe do topónimo Remuíños

Un remuíño é un movemento rápido en forma de espiral dunha masa de auga ou de aire. Mais tamén Remuíños é unha aldea situada nas proximidades da cidade de Tui, cun nome único no Nomenclátor, aínda que existe a forma en singular, Remuíño, no concello ourensán da Arnoia, e tamén un lugar chamado Remuín no lugués de Monforte de Lemos. Están estes Remuíños, Remuíño e Remuín relacionados coa voz do galego común remuíño?

Para Nicandro Ares, si. O investigador lugués consideraba que o lugar de Remuín de Monforte de Lemos tiña como orixe a voz latina *REMOLINUM, da que derivaría tamén a palabra remuíño e mesmo o topónimo ourensán Ramuín, presente no nome do concello de Nogueira de Ramuín. Rexeitaba, pois, a alternativa proposta uns anos antes Piel e Kremer, para quen Remuín era un antrotopónimo derivado de ROMULINUS, unha variante do nome persoal romano ROMULUS. Como ben é sabido, este nome fíxose famoso por chamarse así, segundo a mitoloxía latina, un dos fundadores de Roma, xunto a Rémulo.

Porén, Edelmiro Bascuas propuxo unha terceira vía para explicar o topónimo. Segundo o investigador, o primeiro dos elementos deste topónimo bitemático sería Re, unha variante da palabra río. Sendo así, que faría alusión a unha corrente fluvial na que habería un ou varios muíños, dependendo de se a segunda parte do topónimo vai en singular (Remuíño ou Remuín) ou en plural (Remuíños). Bascuas consideraba tamén que este topónimo compartía a orixe cos diferentes Redemuíños existentes no país. 

Nun primeiro momento, xulgamos que a proposta de Edelmiro Bascuas chocaba coa realidade do lugar de Remuíños de Tui, pois a cartografía indicaba que non estaba situado nas proximidades dun río ou dun rego. Porén, non podemos descartala pois, segundo información que nos achega Rafael Sánchez, gran coñecedor da historia tudense, este barrio "forma parte hoxe do núcleo urbano de Tui e está atravesado polo río Tripes, chamado tamén nesta zona río Muíños polos numerosos muíños existentes nese contorno", onde tamén estiveron varios establecementos de curtidos. 

 
Tamén che pode interesar...

Detrás de cada un dos máis de 40.000 topónimos que forman parte do noso Nomenclátor, existe unha motivación e unha razón de ser…

É ben difícil escoitar a palabra Camariñas sen deixarse levar e recitar os versos que compoñen unha das cantigas máis afamadas…