Cualedro, un fitotopónimo latino moi antigo

Cualedro é unha xoia toponímica do noso Nomenclátor e non só polo feito de ser un topónimo único en toda Galicia. O principal motivo que o fai salientar entre os máis de 40.000 nomes que conforman a listaxe de lugares e parroquias galegas é que pode agochar baixo a súa forma a denominación latina dunha árbore que se perdeu xa desde antigo no latín hispánico. 

A chave para atoparmos o significado orixinario de Cualedro está nas atestacións antigas deste topónimo que encontramos na documentación dos mosteiros de Celanova e Melón: Corleto no século XI e Corledo nos séculos XII e XIII. Esta última forma rexistrouse ata o século XVIII en documentos coma o Catastro de Ensenada. A través delas podemos chegar facilmente a unha raíz CORYLETU, formada polo nome latino CORYLUS e mais o sufixo abundancial –ETU. A evolución sería a seguinte  Coryletu > Corledo > Coledro / Cualedro. A forma actual, con ditongo -ua- inicial, podería explicarse quizais por unha hipercastelanización, aínda que o máis probable é que sexa unha alteración analóxica provocada pola familia léxica de palabras como cal, cando, canto, catro... que se pronuncian nesta zona de Ourense como cual, cuando, cuanto, cuatro...

E por que dicimos que  este topónimo é tan antigo? Pois, porque a forma corylus era o nome tradicional común en latín para denominar a árbore que hoxe chamamos abeleira. A denominación francesa desta árbore, coudrier, procede tamén dun derivado da forma latina Corylariu. Porén, na nosa lingua triunfou a variante ABELLA, posterior ao CORYLUS clásico, que procede dunha cidade da península itálica onde debeu ser tan común o cultivo deste froito que acabou por denominala: a actual comuna de Avella, na Campania italiana. 

O sintagma CORYLUS ABELLANA simplificouse en ABELLANA, de onde proceden as palabras actuais do galego común abelá, para o froito, e abeleira, para a árbore. Mentres os derivados toponímicos de ABELLA son moi comúns no país, as formas que teñen como antecedente o CORYLUS clásico son tan escasas que se reducen ao topónimo do que estamos a falar neste artigo, Cualedro.
 

Tamén che pode interesar...

Nós non temos dúbida, en calquera punto de Galicia vívese moi ben... pero hai algúns lugares onde se vive mellor porque xa nolo din os…

A próxima versión do Nomenclátor de Galicia estará composta por case 43.000 topónimos oficial sumando os nomes de concellos,…