A Degolada é un topónimo único en Galicia que identifica unha parroquia do concello de Baleira (Lugo) baixo a advocación de San Lourenzo. A súa homonimia co participio do verbo degolar é evidente e, como non podía ser doutro xeito, serviu de base para a aparición de varias lendas sobre a súa orixe. A proximidade co Campo da Matanza, tamén en Baleira e do que xa falamos noutro artigo desta páxina, non fixo máis que alimentar a aparición de explicacións de etimoloxías populares que falan dunha muller coa cabeza cortada, mais que neste caso podería ser totalmente verosímil: a evolución fonética do participio do verbo DECOLLARE 'degolar, cortar a cabeza' é perfectamente compatible co topónimo actual.
Con todo, a interpretación deste topónimo dá tamén para outras explicacións: Nicandro Ares propuxo que “se cadra puido ser o nome cristián de igrexa ou muller *DEO COLLATA ‘ofrecida a Deus’. Non podemos obviar, ademais, as atestacións na documentación antiga. Parata Decollata é a máis afastada, datada en 1276. O substantivo PARATA ‘parada’ suxírenos que na orixe o lugar debeu ser propicio para realizar unha parada ou descanso no Camiño Primitivo a Santiago de Compostela que atravesa esta freguesía de norte a sur e a propia aldea da Degolada. Cómpre tamén non esquecermos dous topónimos próximos que inciden nesta idea viaria: a parroquia lindeira, pertencente ao concello da Fonsagrada, é Parada Vella; de aí procede a vía de peregrinación que chega á Degolada tras cruzar o lugar chamado A Calzada.
Agora ben, tamén é moi importante detérmonos na orografía do terreo: o lugar da Degolada está situado nun camiño entre varias pendentes, entre elas unha das alturas máis salientables da Serra da Lastra, O Monte da Degolada e o seu Pico do Curro, a 1052 de altitude. O Apéndice ao dicionario de Eladio Rodríguez González pode darnos unha chave para desciframos o topónimo: esta obra recolle o termo golada como propio do concello de Cervantes -non moi afastado de Baleira-, co significado de ‘porto de montaña’. Cabeza Quiles emprega esta mesma significación para explicar o topónimo homónimo, Golada, que nome a un lugar de Becerreá e outro en Nigrán. Degolada e Golada poderían ser, xa que logo variantes dun mesmo étimo.
Cognado do topónimo A Degolada pode ser Degollada, forma amplamente rexistrada nos territorios españois de Castilla y León e Castilla-La Mancha e tamén en Asturias. O termo degollada é definido nos dicionarios actuais de castelán de xeito análogo ao que vimos para a voz galega degolada; con todo, historicamente tivo outras acepcións: así, en dicionarios antigos é definido como ‘desfiladeiro’ ou ‘depresión do terreo entre dúas elevacións’. Xosé Lluis García Arias emprega esta significación para explicar varios lugares homónimos que se rexistran en territorios asturianos e fainos proceder do termo latino DECOLLATAM “aplicado metafóricamente a un llano entre montañas o a un corte en el terreno que sirve de paso”.
Como vemos, Degolada segue a ser unha incógnita toponímica.
Non podía pasar desapercibido para o imaxinario colectivo o feito de que, nun mesmo concello e en dúas freguesías lindeiras, existisen…
O 7 de agosto de 1028, o rei Afonso V o Nobre afrontaba o asedio da cidade de Viseu na súa campaña de expansión cara ao sur tomando…