Non podía pasar desapercibido para o imaxinario colectivo o feito de que, nun mesmo concello e en dúas freguesías lindeiras, existisen tres topónimos tan evocadores como O Boído, Boimorto e Boimil. A semellanza fonética entre eles, unida á súa evidente proximidade coa palabra boi, un dos animais máis habituais do mundo rural, deu pé a unha curiosa lenda que Armando Cotarelo Valledor recolleu na revista Nós:
“O orixe de tales nomes está pra os veciños de Boimorto en que vindo certa vez por estas terras un ganadeiro con moita récua ('Boi-mil') desmandóuselle unha das cabezas ('Boi-ido'), que foi perseguido polos mozos hastra que o mataran ('Boi-morto')”.
Esta explicación, fantástica tanto pola súa natureza como pola imaxinación que encerra, constitúe un claro exemplo de etimoloxía popular: o intento de explicar a orixe de topónimos mediante historias máis ou menos verosímiles construídas a partir da semellanza formal con palabras de uso común.
Agora ben, a relación entre Boimorto e o animal non ten por que ser exclusivamente froito do imaxinario colectivo. Na obra titulada Os nomes dos concellos da provincia da Coruña, Gonzalo Navaza non descarta que o topónimo puidese estar motivado por algún feito anecdótico relacionado cun boi ou mesmo pola semellanza dalgún elemento da paisaxe coa figura dun boi deitado. De feito, a identificación do primeiro elemento do topónimo co animal parece ser antiga, como suxiren varias formas rexistradas na documentación medieval: en textos do século X rescatados do CODOLGA atopamos o nome desta localidade como Boue Mortuo ou Bove Morto. Nun destes textos, aparece ademais o antigo nome da parroquia dos Ánxeles de Boimorto, Sanctam Mariam de Perros, denominación que sería substituída pola actual no século XVI, tal e como explicamos noutro artigo desta mesma páxina. Ademais, dáse a coincidencia de que na parroquia de Arceo existe un lugar denominado Lobomorto, único en Galicia, cuxa orixe tamén pode estar nalgún feito anecdótico acontecido con este animal salvaxe ou mesmo condicionado polo propio topónimo Boimorto.
Con todo, a cuestión non está pechada. Na mesma obra, Navaza lembra que entre os estudosos está bastante estendida a hipótese de que o elemento inicial boi- podería ser o resultado da alteración doutra palabra. Entre as posibilidades consideradas figuran tanto un termo de orixe prerromana, que tería o significado de ‘pedra’ (por exemplo, Escornabois, en Trasmiras), como o termo latino VADU ‘vao, porto de río, lugar por onde se pode atravesar unha corrente fluvial’. Neste segundo caso, faría referencia a un vao que deixou de usarse, de aí o cualificativo morto.
Moi distinta parece ser a orixe dos outros dous topónimos que a tradición oral acabou vinculando con Boimorto. No caso de Boimil, todo indica que pode tratarse dun descendente dun nome de posesor medieval. Segundo Piel e Kremer, este podería ser *BAUDEMIRUS ou BONIMIRUS, un antropónimo formado segundo estes autores pola unión da raíz gótica biudan e o elemento –mereis ‘célebre, famoso’. Chegariamos ao actual Boimil a partir do sintagma toponímico en xenitivo (VILLA) BAUDEMIRI ou BONIMIRI, que faría referencia á explotación agrícola e as terras propiedade dun señor chamado Bodimiro ou Bonimiro.
Pola súa banda, O Boído tería unha orixe aínda máis afastada da explicación popular baseada no boi. Paulo Martínez Lema considera que debe explicarse como un derivado do fitónimo latino BUDA ‘espadana, xunco’. Daquela, podería proceder dun étimo *BUDETU, co sufixo colectivo latino -ETUM > -edo / -ido, e facer referencia a un lugar con abundancia deste tipo de vexetación, propia dos humidais. Deste xeito, sería unha variante dos topónimos Boedo que atopamos noutros lugares de Galicia.
Xa que logo, nestes tres topónimos, Boimorto, Boimil e O Boído, a coincidencia é puramente na forma, non no contido.
O 7 de agosto de 1028, o rei Afonso V o Nobre afrontaba o asedio da cidade de Viseu na súa campaña de expansión cara ao sur tomando…
Fornelos e Valdanta son dúas das 18 parroquias que forman actualmente o concello do…