É Escornabois un zootopónimo, un fitotopónimo ou un litotopónimo?

En Trasmiras aínda lembran, ou iso din, o día que dous bois pelexaron ata se escornaren. O suceso foi tan memorable que mereceu o bautismo da aldea onde tivo lugar: Escornabois. O imaxinario popular non ten fin, abofé. Son as chamadas etimoloxías populares, tan interesantes e enxeñosas que existen arredor da toponimia galega.

Pero esta lenda de tradición oral resulta pouco verosímil á hora de deitar luz sobre a orixe do nome desta parroquia e dunha das súas aldeas, por certo, un topónimo que non ten parangón no noso Nomenclátor. 

Máis alá da lenda popular, poderiamos relacionalo a simple vista cos homónimos que atopamos no noso inventario léxico. O primeiro é o substantivo do galego común que empregamos para designar un insecto de gran tamaño da orde dos coleópteros, tamén chamado vacaloura ou mesmo cornetán. Porén, resulta difícil que o nome dun insecto en singular servise para nomear un lugar tan grande. Hai Mosqueira ou Escarabelleira na nosa toponimia pero conteñen o sufixo -eira que indica a abundancia dese insecto nun lugar, algo que non acontece con Escornabois.

O segundo dos substantivos co que poderiamos asociar este topónimo é un fitónimo: escornabois é unha das formas denominativas que existen para árbore Sorbus aucuparia, tamén chamada sorbeira, cancereixo ou capudre, entre outras. Na orixe, pois, do Escornabois de Trasmiras puido estar a presenza dunha árbore deste tipo, tan salientable ou singular na zona como para deixar pegada no nome deste lugar.

Agora ben, cómpre detérmonos nunha terceira hipótese menos transparente pero que, ao noso parecer, é a máis acertada ou probable. En Galicia existen bastantes topónimos que inclúen na súa denominación a forma “boi”, como Boimorto, Boipardo, Outeiro de Bois, Boicornello, Penaboi, Boisaca, Porto de Bois.... Todos eles cunha característica común, que denominan lugares onde  hai ou houbo grandes bolos ou formacións graníticas. Por este motivo, os especialistas en toponimia coinciden en explicar que na base desta forma “boi” está unha raíz prerromana co significado de ‘pedra’. Un significado semellante ten outra raíz prerromana *KORN- ‘lugar pedregoso’, tamén bastante abundante na nosa toponimia (Corme, Cornes, Corneira, Cornado...). 

Deste xeito, Escornabois sería un topónimo bitemático con dúas raíces reiterativas que nos transmiten a idea da abundancia de pedra que motivaría o nomes desta aldea de Trasmiras. Como ben se pode ver nas imaxes que encabezan este artigo, cedidas por Nica Palomares, a meirande parte das casas de Escornabois aséntanse nunha enorme masa rochosa que emerxe lixeiramente na chaira, incluso hai enormes rochedos polo medio das casas máis antigas da aldea.
 

Galería de imaxes
Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…