Froxán é un lugar único en Galicia: esta aldea de Folgoso do Courel está declarada Ben de Interese Cultural polo seu alto valor etnográfico. Alí naceu Evaristo Méndez, quen dende pequeno sentiu fascinación por “escoitar os vellos como única forma de aprender”. Con ese espírito, traballou sempre por recuperar a memoria de Froxán e do Courel a través da asociación da que hoxe é presidente, A Fonte do Milagro. Esta agrupación, que conta con máis de dúas décadas de traxectoria, partiu co obxectivo de traballar polo Courel e pola posta en valor da súa cultura e tradicións. A estes obxectivos, queren engadir outro máis: a recuperación da toponimia tradicional de Folgoso do Courel.
Nunha entrevista recente que apareceu publicada no xornal El Progreso de Lugo, Evaristo Méndez comentou que a súa proposta é implicar, ademais dos membros da súa asociación, ao seu Concello: “a intención é documentar os nomes das casas, dos lugares, dos camiños... para que non se perdan” . Para isto, quere aproveitar a memoria dos maiores, verdadeiros gardiáns da nosa sabedoría popular e tradicional.
Conta que xa ten “identificados 300 nomes só de Froxán” e que ten “recollido material para chegar aos 800”. Para rexistrar e divulgar esta información, está a empregar a plataforma colaborativa Galicia Nomeada, “onde podes ir apuntando os topónimos nun mapa dixital”. Polo de agora, xa son máis de 100 os topónimos que Evaristo Méndez e os membros da Fonte do Milagro levan introducidos con esta aplicación e postos á disposición de todas e todos nós.
Grazas ás súas achegas, descubrimos que a aldea de Froxán está dividida no barrio do Carril e no da Airavedra; que na entrada está a fonte que lle dá nome á asociación ou que por estas terras, un “alvar” é unha variante de “alvariza”, isto é, unha construción que serve para agrupar e gardar un conxunto de colmeas.
Mais o labor incansable de Evaristo Méndez e da asociación A Fonte do Milagro vai máis aló dos límites de Froxán: “quero recuperar a toponimia do Courel, aproveitando que temos socios de moitos lugares”. Desde o proxecto Galicia Nomeada queremos mostrar o noso agradecemento e admiración polo labor destes amigos courelaos.
Este venres 23 de agosto tivo lugar en Cervás a presentación dun extraordinario traballo de recollida e rexistro da talasonimia, isto é…
O IES de Meaño, un dos centros máis activos na plataforma Galicia Nomeada, presentou un interesante proxecto de posta…