Experiencia de recolla do proxecto "Do Alto da Serra a Zafarina: Meis en microtopónimos"

O pasado 25 marzo, un grupo de alumnos do CPI O Mosteiro de Meis saíron á beira do río Ansede, móbil na man, co fin de recuperar os topónimos do contorno. Acompañábanos Elisa Villar Portas e Paco Outeda Rodiño, dous informantes de excepción que durante unha hora e media guiáronos pola Reguenga, Os Suspintos, O Areal, A Gramola, O Muíño da Baralla, O Muíño de Parga... nomes todos eles que incluíron en Galicia Nomeada para que non se perdan.

Esta práctica de recolleita toponímica formou parte do proxecto "Do Alto da Serra a Zafarina: Meis en microtopónimos", ideado polo Equipo de Dinamización Lingüística do centro e que contou coa participación dos profesores Fernando Pazos, Luz Varela, Manuel Muñoz, Anabel García e Santiago Macía.

A seguir, deixámosvos cos vídeos desta xornada. O primeiro e o segundo están gravados con dron grazas á habilidade do profesor Manuel Muñoz, un deles ao comezo da xornada no río Ansede e o segundo, no lugar chamado A Reguenga. Nos outros dous vídeos, Vicente Feijoo, coordinador de Galicia Nomeada, ensínalle ao neto de Elisa, como incluír un novo topónimo e como gravar a voz da súa avoa para que quede rexistrada na nosa plataforma.

Dron na beira do río Ansede

Dron no lugar da Reguenga

Elisa Villar pronuncia o lugar da Reguenga

Como se introduce un novo topónimo en Galicia Nomeada?

 
Tamén che pode interesar...

Este venres 23 de agosto tivo lugar en Cervás a presentación dun extraordinario traballo de recollida e rexistro da talasonimia, isto é…

O IES de Meaño, un dos centros máis activos na plataforma Galicia Nomeada, presentou un interesante proxecto de posta…