Do Alto da Serra a Zafarina: Meis en Microtopónimos
Un novo centro de ensino súmase ao proxecto Galicia Nomeada. A rapazada do CPI do Mosteiro-Meis involúcrase na salvagarda da súa toponimia tradicional. Sendo conscientes de que é un patrimonio de todos nós, recollerán os nomes do seu concello para poñelos en valor e á disposición de toda a cidadanía a través da plataforma Galicia Nomeada.
O proxecto foi ideado polo Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do centro, formado polos profesores Fernando Pazos García, Luz Varela Armas, Pilar Rodríguez Rivas e Mar Rey Pérez. A planificación comezou o pasado mes de decembro de 2021, cando Fernando Pazos, profesor de Lingua e literatura galega, lle propuxo a Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada, impartir no centro unha charla sobre o valor cultural da toponimia galega e o risco que corre de perderse. Nesta mesma charla introdutoria, a rapazada aprendeu como podía participar na salvagarda dos microtopónimos da súa contorna usando a aplicación colaborativa Galicia Nomeada, así como a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas de Meis.
O seguinte paso dado por profesorado e alumnado foi buscar un nome para o seu proxecto local; o gañador foi este: Do Alto da Serra a Zafarina: Meis en Microtopónimos. Nesta fase do proxecto era fundamental implicar as familias do alumnado e os seus veciños. Para informalos dos obxectivos do proxecto, elaboraron un tríptico no que se facilita tamén a descarga da aplicación Galicia Nomeada a través dun código QR. Nel tamén hai unha ligazón a un magnífico vídeo no que explican o doado que é conservar un topónimo a través da aplicación.
O seguinte chanzo deste proxecto educativo consistiu nunha práctica de recolleita de nomes en campo a través da aplicación para dispositivos móbiles Galicia Nomeada. Para isto, volveu Vicente Feijoo ao centro o 25 de marzo. Neste día, un grupo de formado por máis de 100 alumnos e alumnas do CPI O Mosteiro, acompañados polos profesores Fernando Pazos, Luz Varela, Manuel Muñoz, Anabel García e Santiago Macía, fixeron unha excursión toponímica, móbil en man, pola ribeira do río Ansede.
A expedición contou con dous informantes excepcionais, Elisa Villar Portas e Paco Outeda Rodiño, que durante 1 hora e media guiaron a rapazada para informalos dos nomes das terras dunha beira e da outra do río, contándolles as historias de antano que agocha cada un destes topónimos: A Reguenga, Os Suspintos, O Areal, A Gramola, O Muíño da Baralla, O Muíño de Parga... e así ata 27 nomes de lugar recollidos durante a andaina. A recolleita foi moi vizosa!
Ademais de aprender a introducir os topónimos na plataforma Galicia Nomeada, o alumnado puido gravar audios dos informantes pronunciando os topónimos e facer fotos dos elementos de interese cultural existentes na ruta (pontes e muíños) para completar as fichas de cada nome. Todo isto supervisado e gravado por un dron que os vixiaba desde o ceo grazas á habilidade do profesor Manuel Muñóz.
Outra das actividades vencelladas con este proxecto foi a xornalística, pois o centro conta cun programa de radio no que o alumnado de 6º de educación primaria realizou dúas entrevistas relacionadas co tema: por un lado entrevistaron ao concelleiro de Patrimonio, José Ramón Vidal Juviño, e por outro a Vicente Feijoo, o mesmo día da excursión toponímica. Nesta entrevista, os alumnos Roberto Fuentes, Alicia Míguez e María Bermúdez, acompañados polo profesor Manuel Fernández, preguntáronlle a Vicente, entre outras cousas, de onde lle viña a súa paixón pola toponimia.
Cómpre facer fincapé en que non é a primeira vez que a toponimia entra a formar parte das actividades deste centro de ensino. Hai uns anos, o alumnado escolleu nunha enquisa cales eran os nomes do concello de Meis que eran máis fermosos e nomearon cos máis votados as dependencias do centro: A Saleta, Cabeza de Boi, A Granxola... son algúns dos nomes das aulas do seu centro, da sala de profesores...
Desde o proxecto Galicia Nomeada queremos agradecer esta interesante iniciativa do CPI O Mosteiro de Meis, da que nos beneficiaremos todas e todos os galegos. Convidamos a outros centros a se sumaren ao proxecto Galicia Nomeada, do que neste momento xa forman parte máis dunha vintena.