Ézaro, un nome único para un lugar único

Na costa de Dumbría existe un espectáculo único en toda Europa: unha inmensa fervenza, cadoiro na fala local, a verter as augas dun río directamente no océano e que este outono chuvioso está a lucir como hai tempo que non se vía. Este río, hoxe chamado Xallas, recibiu tradicionalmente outro nome, O Ézaro, topónimo que tamén acabou denominando unha parroquia de Dumbria e a pequena entidade de poboación que goza dunha posición privilexiada para contemplar este milagre da natureza.

A gran parte dos investigadores modernos que tentaron explicar a orixe do topónimo O Ézaro, relacionárono cunha raíz do indoeuropeo *Eis- 'moverse rápida e violentamente', incluída no dicionario etimolóxico do indoeuropeo que o investigador Julius Pokorny publicou en 1959; ou ben con outra raíz, *eis- /*ois- / *is-, proposta por Hans Krahe en 1964 no seu estudo sobre os nomes antigos dos ríos.

Esta última raíz foi a escollida por Moralejo Laso nas súas “Notas sobre hidronimia gallega” para explicar a orixe do topónimo. Segundo o investigador, esta raíz hidronímica foi moi rendible noutrora e deixou descendentes esparexidos por todo o continente: os ríos Esaro ou Isère en Italia, Isar en Alemaña ou o Esera en Aragón... 

Para o noso Ézaro, Moralejo propón como étimo unha forma *ĬS-ĂRO, coherente coa forma moderna do topónimo, ou ben *OIS-ĂRO, tamén defendido por Monteagudo no seu estudo dobre a hidronimia galega. Este *ĬS-ĂRO/*OIS-ĂRO tería como segundo elemento un sufixo átono prerromano –ARO / -ARA, tamén presente na nosa toponimia en nomes Tállara, Gándara, Láncara...

Malia que Ézaro é un topónimo único en toda Galicia, o seu étimo, ISARO, deixou un outro descendente: na parroquia de Alborés no veciño concello de Mazaricos, existe un Ribadeza cuxa orixe está no sintagma *RĪPA DĒ ĬSARO que fai referencia á localización do lugar, na beira do hoxe Xallas, segundo defendeu Martínez Lema na súa tese sobre A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos.

Tamén che pode interesar...

Noutros artigos da sección Detrás do nome temos insistido na…

Os topónimos que coinciden con palabras do léxico común ou que están incluídas nos dicionarios xerais adoitan ter unha explicación ben…