Se a cultura popular galega elixiu unha árbore como símbolo esa é, sen dúbida, o carballo, un feito que nos liga con outras culturas atlánticas e europeas. As lendas, o cantigueiro, o refraneiro e mesmo o seu uso na lingua (“estás forte como un carballo!”) testemuñan a importancia do carballo no noso imaxinario popular e na noso patrimonio inmaterial, no que a toponimia ten un lugar salientado.
En palabras de Gonzalo Navaza na súa obra Fitotoponimia galega, o carballo constitúe, pois, “a realidade botánica máis importante da nosa fitotoponimia”. E abofé que é: o carballo está presente nun lugar destacado no noso inventario municipal. Temos a forma común do galego no concello coruñés de Carballo, e os derivados O Carballiño, Carballedo, Carballeda de Avia e Carballeda de Valdeorras. A eles temos que engadir as innúmeras formas na nosa toponimia menor que van desde Carballo a Carballos, de Carballa a Carballas, Carballal, Carballás, Carballeiras, Carballizos, Carballedo, Carballeda e derivados con diminutivos ou o elemento a funcionar como complemento do nome (Alto do Carballo...).
Canto á súa etimoloxía, a hipótese máis estendida considera a forma prelatina CARBA co sufixo --ALIU a orixe da palabra do galego común carballo e do portugués carvalho, alén do carbayu do asturiano fóra do noso espazo lingüístico.
Moitas veces reparamos nesta sección naquelas xoias toponímicas que, por seren únicas, destacan entre os máis de 42.000 topónimos que…
O Seminario de Onomástica da Real Academia ditaminou cambiar a denominación oficial da parroquia de Moscoso (San Paio)…