O porco é un dos animais máis importantes da cultura tradicional galega. De aí a abundancia de denominacións que existen ao longo da nosa xeografía tanto para o animal adulto (cocho, marrán, rancho...) como para as crías (leitón, marrancho, reco, rello, relo...). Entre estas últimas, bácoro e bacoriño teñen máis que semellanza fonética e morfolóxica cunha das aldeas que forman parte do concello de Amoeiro, Bacurín. Pero non nos deixemos levar por esta aparencia formal.
Bacurín é un topónimo que se rexistra como nome dunha aldea da parroquia de Bóveda de Amoeiro e como nome dunha parroquia no concello de Lugo. Aínda que a palabra do galego común e estes topónimos difiren na vogal pretónica, -o- no substantivo e -u- nos topónimos, os testemuños que atopamos destes últimos na documentación antiga si coinciden: nun documento do Mosteiro de Oseira de 1473 afórase “huna cavadura que parte con a de Lionor de Bacorino”. Con anterioridade, en 1211 aparece citado o “monasterio Sanct Michaelis de Bacorin” nun documento de Vilar de Donas, cita que fai referencia á actual igrexa parroquial do concello lucense.
Tendo en conta o anterior, podemos dicir que os topónimos Bacurín e palabra do galego común bácoro e bacoriño están relacionadas, mais non de xeito directo. Segundo Piel, Bacurín é un derivado onomástico a partir de *BACCORINUS na forma posesiva, isto é, un sintagma que ben puidera ser unha (UILLA) *BACCORINI. Segundo o propio Piel, sería un alcume que se aplicaría á persoa propietaria dos terreos e que, talvez, compartise algunha das “calidades” que adoitamos aplicar aos porcos: o olor, a hixiene, a actitude...
Máis difícil é coñecermos cal é a orixe da palabra do galego común. Piel cre que é un termo propio das linguas que se falaban na Gallaecia antes da chegada do latín; porén, Meyer-Lübke e García de Diego xulgan que se trata dunha verba de orixe franco-xermánico bakko ‘porco’, rexistrado no galo.
En definitiva, estes topónimos veñen a dicirnos que posiblemente os propietarios ou fundadores destas aldeas así chamadas levaban este nome por non seren unhas persoas moi aseadas.
Son innúmeras as ocasións en que nesta páxina aludimos á importancia que ten a toponimia para descubrir a historia do territorio que…
A gran base de datos da toponimia tradicional galega, Galicia Nomeada, suma…