A parroquia galega é a división administrativa inmediatamente inferior ao municipio. Malia ter orixe eclesiástica como unidade de delimitación xeográfica, desde a Idade Media ata os nosos días actuou tamén como unha entidade básica de relación social dos seus habitantes.
Desde o punto de vista lingüístico, as parroquias constitúen un tesouro toponímico de primeira orde pois nelas podemos atopar un compendio dos trazos definitorios da toponimia galega, así como exemplos de toda a tipoloxía coa que tradicionalmente se clasifica a toponimia.
As parroquias galegas adoitan constar na súa denominación de dous elementos: a denominación propiamente dita e a mención á súa advocación relixiosa. É aquí onde cómpre que precisemos dous conceptos: advocación e haxiotopónimo. Mentres a advocación é o santo, santa, virxe etc. ao que está encomendada unha parroquia católica, un haxiotopónimo é un nome de lugar cuxa orixe remite a un ou unha santa. Así, a freguesía de Santalla de Arxemil do concello lucense de Sarria contén un haxiotopónimo como parte do seu nome. Neste caso, haxiotopónimo e advocación son coincidentes, mais non ocorre o mesmo, por exemplo, en Santalla de Samos, cuxa advocación é San Xoán.
Ademais da diferenza semántica entre haxiotopónimo e advocación, cómpre engadirmos que esta última non forma parte da denominación das parroquias—por iso no Nomenclátor de Galicia figura entre parénteses a continuación do nome da parroquia—, malia que tradicionalmente nos textos escritos, mesmo administrativos, acostume aparecer. Así, falamos das freguesías de Vizoño, Viós, Vilacova ou Sarandós, todas no concello coruñés de Abegondo, e non das parroquias de *San Pedro de Vizoño, *San Salvador de Viós, *San Tomé de Vilacova ou *Santa María de Sarandós.
A pesar do anterior, acontece que, nunhas 400 parroquias galegas das 3.791 que contabilizamos no Nomenclátor de Galicia, a denominación parroquial contén un haxiotopónimo ou nome de santo, ben como denominación exclusiva (Santiso, Santalla, Seoane...), ben como primeiro elemento dun composto (San Cristovo das Viñas, San Breixo de Parga ou San Cosme de Barreiros), e, en menor medida, como segundo elemento (Pazos de San Clodio ou Pobra de San Xiao).
Nun artigo recente na prensa, Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, sinala que “hai parroquias nas que o nome do santo é simplemente unha advocación, unha forma de conservar unha tradición do nome da igrexa, sen ir máis alá”. Esta idea incide no que xa expuxera este especialista no estudo “Parroquias e toponimia” onde engade que “A diferenza entre o haxiotopónimo e a simple advocación, que tiña e ten plena funcionalidade no uso oral dos nomes parroquiais, foi con frecuencia ignorada ata hai poucos anos en fontes escritas, repertorios, nomenclátores e nas rotulacións viaria ou cartográfica, que ou ben incorporaban sistematicamente a advocación coma se fose haxiotopónimo, escribindo por exemplo San Xoán de Fecha e Santa Cristina de Fecha, ou ben consideraban o haxiotopónimo coma se fose unicamente advocación”, o que levou á confusión sobre cal era o nome real.
Para evitar confusións, a vindeira edición do Nomenclátor de Galicia incluirá a advocación nun campo diferente do da denominación da parroquia
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…