Informe sobre o cambio do nome do concello da Cangas de Morrazo

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou mudar o nome oficial do concello de Cangas, vixente ata a actualidade, que pasará a denominarse Cangas de Morrazo na próxima versión do Nomenclátor. Fíxoo de oficio ao decatárense varios membros do Seminario de que na documentación histórica aparecía cun nome composto e tamén era usado con esta forma pola poboación da contorna. 

O nome oficial con que figurou en todos os censos de poboación e nomenclátores oficiais ata a actualidade foi Cangas, desde a súa constitución a través da Real orde do 8 de febreiro de 1837 en que se publicaba a nova planta dos concellos constitucionais da provincia de Pontevedra: 

BOP 1834

Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 25 de febreiro de 1837

Ademais, a forma composta Cangas de/do Morrazo goza de forte presenza, especialmente con artigo, nos usos orais da poboación da contorna e nos textos escritos modernos. Esta forma é herdeira da denominación da antiga xurisdición á que pertencía o territorio, Terra de Morrazo, atestada en documentos da Idade Media sen artigo, como se pode comprobar nas buscas realizadas no Tesouro Informatizado da Lingua Galega:

  • “Item en terra de Morraço, a meadade da jgleja de Santa Maria de Çella”, 1390
  • “morador ẽna fiigresia de San Johan de Tirana que he en terra de Morraço”, 1434

Con anterioridade, o topónimo aparece mencionado en documentos do século XIII e XIV, tamén sen artigo:

  • “ygreias que ſon en Morraço deſ Meira atra Ponte Uedra”, 1299
  • “Domingo Perez, notario jurado de Morraço”, 1317
  • “mando a a hermida (...) de morraço”, 1347

Tamén aparece incluído en cadeas onomásticas dos séculos XIV, XV e XVI, todas elas sen artigo: “Martín Peres de Morraço” (1307); “Johán de Morraço, alfayate, morador em Pontevedra” (1388); “Men González de Morrazo, cardeal de Santiago” (1489)...

A xurisdición antiga, Terra de Morrazo, e mais o nome da vila continuaron a aparecer sen artigo en textos en castelán dos séculos seguintes:

Século XVII

Apeos, bienes y rentas del monasterio en tierra de Morrazo ante los escribanos Esteban Fernández y Jerónimo de Chaves, 1615-1616. Fonte: PARES

Século XVIII

Autos ejecutivos obrados en virtud de la ejecutoria del Coto de Vilela y el Casal de Otero y Fondevilla, 1756. Fonte: PARES

Coloquio en mil duascentas coplas galegas de Martín Sarmiento é un texto fundamental para achegármonos ao galego de mediados do século XVIII. Nel cítase ata 6 veces o topónimo Morrazo, todas elas sen artigo: "No chan que en Morrazo chaman os galegos chan de Parafita"; "e que acá na vila, en Morrazo o mesmo"; "Valía o que algúns levaban no freo máis que val Morrazo de extremo a extremo"; "Cuidein qu'a raposa de Morrazo sendo a outra estantiga do noso terreo"; "todos de Morrazo , ou do seu terreo"; "os ollos da Ponte e o Burgo pequeno; Morrazo se fora máis chan seu terreo". Repárese neste último exemplo, onde A Ponte e O Burgo inclúen o artigo que hoxe se conserva, fronte Morrazo:

Sarmiento Morrazo

No Tesouro Informatizado da Lingua Galega, o corpus histórico de textos galegos da Idade Moderna e Contemporánea, podemos comprobar como a forma sen artigo se conserva en textos do século XIX e XX en autores como Juan Manuel Pintos, Cuveiro Piñol, Filgueira Valverde, Otero Pedrayo... Porén, a forma innovadora con artigo será maioritaria xa desde finais do século XIX.

Por estes motivos, os membros do Seminario de Onomástica concluíron que a forma con artigo é innovadora por influencia do castelán, polo que ditaminaron por unanimidade a forma histórica  e ben documentada Cangas de Morrazo para o nome da vila, da parroquia e do concello.

FONTES DOCUMENTAIS E BIBLIOGRAFÍA

Álvarez Blanco, Rosario (coord). Gallaeciae Monumenta Historica. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. <https://gmh.consellodacultura.gal/> 

Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. <https://atopo.depo.gal/

PARES, Portal de Archivos Españoles. <https://pares.cultura.gob.es/inicio.html>

Varela Barreiro, Xavier (dir.) (2004-). Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <http://ilg.usc.es/tmilg>  
 

Tamén che pode interesar...

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou cambiar a denominación oficial do concello de Castro Caldelas,…

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu modificar a denominación oficial do concello lucense da Pastoriza,…