As tautoloxías, ou sexa, a repetición dunha mesma idea expresada de diferentes maneiras, é un fenómeno ben interesante que nos di moito sobre a evolución das linguas ao longo da historia. Como sabemos, o galego é unha idioma procedente do latín que evolucionou no noroeste da península ibérica sobre un conxunto de linguas de substrato prerromano. Antes de desapareceren, estes idiomas deixaron a súa pegada no latín da Gallaecia e, sobre todo, nos nomes do territorio.
Moitos dos topónimos hoxe comúns teñen séculos de existencia e son anteriores á chegada do latín. No seu momento, o significado destes chamadeiros era recoñecible para os habitantes do territorio, como son para nós hoxe lugares que se chaman A Carballeira, O Outeiro, A Igrexa ou O Castro. Porén, co paso dos séculos, as persoas que vivían no mesmo territorio, falantes xa doutra lingua diferente, perderon a consciencia do significado dalgúns nomes de lugar que se volven opacos. Este é o escenario propicio para producírense as tautoloxías: os falantes introducen un nome explicativo, xeralmente un xenérico como monte, pedra, río... que repite o significado do topónimo.
Hai tautoloxías ben recoñecidas no mundo e outras que pasan desapercibidas: Riodama, lugar da parroquia de Samieira do concello de Poio, é un exemplo destes tautotopónimos. Riodama é un composto toponímico formado por tres elementos: Río + de + Ama. O primeiro elemento é ben coñecido: o substantivo río ‘curso natural e permanente de auga doce, que flúe por un leito e que desemboca no mar, nun lago ou noutro río’. Procede dunha forma do latín vulgar *RIU, variante do latín clásico RIVUM, que en orixe significaba ‘regueiro’, pero que no noso territorio tamén acabou recollendo o significado do latín FLUMEM.
A tautoloxía deste topónimo explícase co seu terceiro elemento, Ama, un topónimo de orixe prerromana formado sobre o coñecido radical hidronímico indoeuropeo *AM- ‘canle’, investigado por Edelmiro Bascuas e Elixio Rivas. Outro topónimo galego que inclúe esta raíz é Acea de Ama, lugar do concello coruñés de Culleredo que foi obxecto dun amplo estudo do académico Gonzalo Navaza.
No ano 1219, o rei Afonso VIII accede a unha “instantiam et petitionem habitanorum”, isto é, a unha…
Hai etimoloxías populares que se transmiten de persoa a persoa, de século a século, e chegan a converterse en verdades de fe para a…