O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou mudar a denominación do concello de Alfoz, vixente ata a actualidade, que pasará a denominarse Alfoz do Castrodouro na nova versión do Nomenclátor de Galicia. Fíxoo tras iniciar un proceso de revisión do topónimo por unha reclamación popular que chegou ao propio Seminario en que se solicitaba recuperar a denominación histórica do municipio.
O concello naceu coa denominación en castelán de Alfoz del Castro de Oro. Este é o nome co que figura no Boletín Oficial da Provincia do 22 de novembro de 1835, documento en que se publica a relación dos concellos establecidos na provincia de Lugo ao abeiro do Real decreto do 23 de xuño de 1835.

Boletín Oficial da Provincia do 22 de novembro de 1835
Con anterioridade, xa se viña empregando esta denominación: no primeiro Boletín Oficial da Provincia de Lugo, publicado o 24 de abril de 1834, o subdelegado principal de Fomento, José María Moscoso de Altamira, ordenou que os xuíces e xustizas da provincia recibisen o citado boletín para difundilo entre a poboación. Na relación dos diferentes territorios que se anexa á orde aparece citado “Alfoz del Castro de Oro”.

Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 24 de abril de 1834
O concello mudou a súa denominación da orixinal en castelán Alfoz del Castro de Oro a simplemente Alfoz a mediados do século XIX, segundo consta na base de datos de alteracións dos municipios nos censos de poboación do Instituto Nacional de Estatística.

Banco de datos do INE onde se rexistran as alteracións municipais dos concellos desde 1842
Porén, hai abondosa documentación que demostra que o municipio continuou a empregar nas décadas seguintes a denominación composta en castelán de Alfoz del Castro de Oro ou Alfoz de Castro de Oro. É o nome que aparece no volume dedicado á provincia de Lugo da obra Geografía general del reino de Galicia, onde ademais podemos ver o selo que empregaba o concello a comezos do século XX:

Capítulo dedicado ao concello de Alfoz “O Alfoz del Castro de Oro, como también se le llama” na obra Geografía general del Reino de Galicia.
O uso do topónimo orixinario por parte das administracións chegou mesmo ata a década dos 80 do pasado século e pode comprobarse no Boletín Oficial da Provincia, dispoñible en Galiciana:

Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 11 de marzo de 1985
O nome con que naceu o concello tomouno da antiga xurisdición do castelo de Castrodouro, cuxos antecedentes están xa no ano 1220 cando o rei Afonso VIII lles concede o privilexio de Benavente á poboación “quantum habet in termino de Ourio pro alfoz, exceptis ecclesiis cum suis hereditatibus". O nome da xurisdición naceu na Idade Media e mantívose nos séculos seguintes.

Denominación da xurisdición de “Alfoz de Castro de Oro” nas respostas xerais do interrogatorio do Catastro de Ensenada da parroquia de Lagoa
Na documentación antiga son comúns as formas Alfoz do Castrodouro, Alfoz do Castro Douro e as castelanizadas Alfoz del Castro de Oro, Alfoz de Castrodoro... Moitas destas atestacións poden comprobarse no artigo “Del Castro de Aurio al Castro D’ouro: los vaivenes históricos de un conglomerado urbano rural en la Galicia de la Edad Media”, de Carlos Andrés González Paz.
Hoxe é moi minoritario o uso na oralidade do topónimo histórico, Alfoz do Castrodouro. Aínda así, a poboación da zona recoñece que este foi o nome antigo que tivo o municipio. Canto á fixación definitiva do topónimo coa grafía aglutinada, Castrodouro, influíu a tradición gráfica consolidada dos últimos séculos e o uso oral dos veciños para o nome da parroquia do Castrodouro, en semellanza ao que acontece co concello do Valadouro, regado polo mesmo río Ouro e así fixado no Nomenclátor oficial de entidades de poboación de Galicia. Por tanto, ademais da mudanza do nome oficial do concello, tamén se cambiará no novo Nomenclátor o nome da parroquia do Castro de Ouro, que pasará a escribirse como O Castrodouro.
BIBLIOGRAFÍA E FONTES DOCUMENTAIS
Álvarez Blanco, Rosario (coord): Gallaeciae Monumenta Historica. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. <https://gmh.consellodacultura.gal/>
Boletín Oficial da Provincia de Lugo. < https://biblioteca.galiciana.gal/es/consulta/registro.do?id=5636>
González Paz, Carlos Andrés (2024). "Del Castro de Aurio al Castro d'Ouro. Los vaivenes históricos de un conglomerado urbano rural en la Galicia de la Edad Media". En Carlos Baliñas Pérez, Carlos Andrés González Paz (coord): Da vila do Castro d'Ouro ao concello de Alfoz: oitocentos anos na historia. Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
Varela Barreiro, Xavier (dir.) (2004-). Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <http://ilg.usc.es/tmilg>
O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou cambiar a denominación oficial do concello de Castro Caldelas,…
O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu modificar a denominación oficial do concello lucense da Pastoriza,…