O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu modificar a denominación oficial do concello lucense da Pastoriza, vixente ata a actualidade, que pasará a chamarse oficialmente Pastoriza, en consonancia coa documentación histórica do topónimo e co uso vivo na fala da poboación local. Fíxoo por mor de varias reclamacións populares que chegaron ao Seminario, entre elas, a do propio alcalde deste concello.
Pastoriza é un topónimo relativamente frecuente no país: alén do lugar, parroquia e concello lugués, existen outras quince entidades de poboación así denominadas ou que inclúen este termo, así como unha parroquia no concello coruñés de Arteixo. Existe un consenso na investigación toponímica en vencellar este topónimo co étimo PASTORICIAM, ‘pasteiro’, adxectivo derivado do termo latino PASTUM, participio do verbo PACERE ‘pacer’. Cómpre salientar, ademais, que todas as entidades de poboación con este nome figuran no Nomenclátor de Galicia sen artigo, Pastoriza.
O concello de Pastoriza naceu tras a reforma da división xudicial e municipal da provincia de Lugo, publicada no BOP do 18 de outubro de 1840. A denominación oficial con que xurdiu, sen artigo, mantívose ata finais do século XX, momento en que mudou para a forma vixente ata a actualidade, A Pastoriza. Porén, os membros do Seminario de Onomástica da RAG sosteñen que esta mudanza non estivo sustentada nun uso real na fala nin tampouco na documentación histórica do topónimo.
Así, na documentación medieval sobre o lugar e a parroquia de San Salvador de Pastoriza coincide en presentar o topónimo sen artigo inicial, como se pode comprobar no Tesouro Informatizado da Lingua Galega ou no Gallaeciae Monumenta Historica:
- “De Britonia et de Pastoriza” nun documento do tombo de Lourenzá datado entre 1150 e 1266
- “yglesia de Pastoriça” nun documento da Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo, datado no ano 1488
Esta mesma solución sen artigo é a que podemos atopar en documentos dos séculos seguintes, como nas comprobacións do Catastro de Ensenada ou no dicionario de José Villarroel de 1810.

36 Interrogatorio do Catastro de Ensenada da parroquia de San Salvador de Pastoriza. Fonte: PARES

37 Diccionario nomenclator de las ciudades, villas, aldeas, caserías [sic], cotos, ventas, castillos, prioratos de todo el Reyno de Galicia de José Villarroe
Como se puido comprobar a través de diferentes chamadas telefónicas e conversas coa veciñanza deste concello, o uso vixente na poboación local e da contorna segue a ser sen artigo. Este uso oral vese referendado polas múltiples concorrencias do topónimo na prensa escrita dos séculos XIX e XX, así como en textos literarios e ensaísticos galegos anteriores á modificación do nome oficial do concello, onde o uso é practicamente exclusivo sen artigo, como se pode comprobar nas buscas no Tesouro Informatizado da Lingua Galega.
Por estes motivos, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou por unanimidade a forma Pastoriza para o nome da capital municipal, da parroquia e do concello.
FONTES E BIBLIOGRAFÍA
Álvarez Blanco, Rosario (coord.): Gallaeciae Monumenta Historica. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. <https://gmh.consellodacultura.gal>
Boletín Oficial de la Provincia de Lugo núm 84 do 18 de outubro de 1840 <http://biblioteca.galiciana.gal/es/catalogo_imagenes/grupo.do?path=1351014&presentacion=pagina&posicion=3®istrardownload=0>
Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro Informatizado da Lingua Galega (Versión 4.1). Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <http://ilg.usc.gal/TILG/>
Varela Barreiro, Xavier (dir.) (2004-). Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <http://ilg.usc.es/tmilg>
Villarroel Pérez de Baños, José (1810). Diccionario nomenclator de las ciudades, villas, aldeas, caserías [sic], cotos, ventas, castillos, prioratos de todo el Reyno de Galicia. Santiago de Compostela: Juan Francisco Montero.
O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou cambiar a denominación oficial do concello de Castro Caldelas,…
O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou mudar as denominacións dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Mondariz-…