Informe sobre o cambio do nome do concello do Campo Lameiro

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu mudar o nome oficial do concello de Campo Lameiro, ata agora vixente, que pasará a denominarse O Campo Lameiro na vindeira versión do Nomenclátor de Galicia. Fíxoo de oficio ao manifestaren algúns membros do Seminario que a forma oral en habitantes da contorna incluía o artigo. 

Na investigación quedou claro que o nome do concello pontevedrés do Campo Lameiro é un exemplo de topónimo de gabinete, isto é, unha denominación artificial auspiciada desde o ámbito administrativo e que non gozaba de uso real no momento en que se creou. A denominación vixente ata a última versión do Nomenclátor, Campo Lameiro sen artigo, foille imposta hai máis dun século por medio do Real decreto do 27 de xuño de 1916, publicado na Gaceta de Madrid do 2 de xullo do mesmo ano. Este texto lexislativo tiña como finalidade evitar as homonimias das denominacións oficiais dos concellos do Estado e constitúe unha ampla reforma do Nomenclátor municipal español, pois afectaría a 573 concellos.

Gaceta de Madrid

Gaceta de Madrid do 2 de xullo de 1916

A proposta desta renovación nominativa partiu da Real Sociedade Xeográfica de Madrid e ten os seus antecedentes uns anos antes, en 1907. Nun informe que esta institución remitiu á Deputación de Pontevedra, indicou a conveniencia de que diferentes municipios da provincia mudasen a súa denominación oficial. Para o caso que estamos a estudar, propúñase a denominación oficial de Campo Lameiro, pois a denominación vixente pola altura, Campo, coincidía coa doutros dous municipios españois, El Campo en Cáceres (hoxe Campo Lugar e Campo de Alcántara na proposta de 1916) e Campo en Huesca. Segundo a académica correspondente e membro do Seminario de Onomástica da RAG Luz Méndez, este nome artificial nacía de sumarlle ao nome tradicional do Campo o topónimo dun lugar adxacente, O Lameiro.

Do informe da Real Sociedade Xeográfica deuse conta na Comisión Permanente da Deputación de Pontevedra do 6 de xullo dese ano, que aceptou a proposta e no sucesivo denominou este concello como Campo Lameiro na súa documentación oficial, mesmo antes de publicarse o decreto de 1916. O propio concello fixo tamén efectiva a mudanza, como demostran diferentes testemuños documentais que emanan da administración local.

Como vemos, O Campo Lameiro naceu simplemente como Campo, sen artigo, o 3 de decembro de 1836 tras a fusión de tres concellos constitucionais existentes pola altura: Moimenta, Fragas e Campo (sic). Neste decreto de 1836 establécese como capital municipal a localidade da Feira do Campo, Feira del Campo no texto lexislativo, hoxe inexistente. Como vemos, había daquela unha contradición entre o nome do concello, sen artigo, e o lugar e mais a parroquia en que se fixa a capital municipal, con artigo.

Agora ben, a pesar de que o nome fixado para o municipio carecía de artigo como acabamos de ver, Campo, existen abondosos exemplos do seu uso con artigo mesmo na documentación administrativa: fixémonos, por exemplo, nas contas municipais do ano 1851 ou nas relacións remitidas polos concellos para a formación de lista electoral de deputados a Cortes contribuíntes do ano 1854. Nestes dous testemuños, a forma única empregada é Ayuntamiento del Campo, co artigo castelanizado. 

Contas municipais de 1851

Contas municipais do “Ayuntam.to Const.l del Campo”. Fonte: ATOPO

Listas remitidas polos concellos para eleccións a cortes de 1854

Relacións remitidas polos concellos para formación de lista electoral de deputados a Cortes contribuíntes do ano 1854. Fonte: ATOPO

Queda claro que o nome do lugar e mais da parroquia onde se sitúa a capital municipal é O Campo, forma histórica e tamén propia da oralidade da veciñanza deste concello. Agora ben, a fixación do nome oficial en 1916 actuou como referente para que o artigo se fose perdendo na oralidade na denominación dun concello que ata entón tamén era coñecido como O Campo, como demostran os testemuños escritos polo propio concello ao longo do século XIX.

Á vista desta documentación, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou restaurar o artigo que usa a poboación do Campo Lameiro e tamén por coherencia co nome oficial da parroquia, O Campo

FONTES E BIBLIOGRAFÍA

ATOPO, Catálogo documental e bibliográfico da Deputación de Pontevedra <https://atopo.depo.gal/> 

Resolución de los 578 ayuntamientos de España comprendidos en la propuesta de la Real Sociedad Geográfica, cuyos nombres se modifican con sujeción a lo prevenido en el Real Decreto de esta fecha. Gaceta de Madrid núm. 184 do 2 de xullo de 1916.

Méndez Fernández, L. (2016). "Galicia no decreto de 1916". Boletín da Real Academia Galega 377, pp. 365–386. 
 

Tamén che pode interesar...

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou cambiar a denominación oficial do concello de Castro Caldelas,…

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu modificar a denominación oficial do concello lucense da Pastoriza,…