Mondoñedo, o topónimo que se desprazou 15 quilómetros

Ser un lugar de paso entre o norte e o sur de Europa sempre foi unha vantaxe para o noso país mais tamén tivo as súas contrapartidas: durante a Idade Media, a costa galega sufriu constantes ataques de diferentes pobos, nomeadamente normandos. Aí están as Torres de Oeste, en Catoira, que son talvez o testemuño máis importante destas incursións. Mais hai un outro na toponimia: Mondoñedo.

Durante a alta Idade Media, Mondoñedo daba nome a unha pequena sede episcopal radicada na basílica de orixe prerromana de San Martiño, considerada a catedral máis antiga de Galicia. Mais non no lugar onde está a actual sede, senón 15 quilómetros máis ao norte, en Foz. Os continuos ataques normandos obrigaron a tomar unha drástica decisión: fuxir da costa cara ao interior, ao punto onde hoxe a atopamos e que pola altura recibía outro nome, Valibria.

Coa sede episcopal decidiuse levar tamén o seu nome polo que hoxe dáse o caso que temos dúas parroquias co nome de Mondoñedo en dous concellos diferentes que, nos textos medievais aparece baixo formas temperás como Mindunietum ou Mindonieto e posteriores como Mendonnedo e Mondonnedo.

Mais, cal é a súa orixe etimolóxica? As primeiras hipóteses quixeron ver no Mondoñedo un derivado da forma Monte Dumiensis ao relacionalo con San Martiño de Dumio a través do que coñecemos como etimoloxía popular. Porén, as investigacións máis recentes concordan no carácter prelatino do topónimo. Así, Edelmiro Bascuas defende a existencia dunha raíz do celta galaico MIND que se correspondería coa raíz indoeuropea MON-, “elevación, monte”, unha forma que ten ampla presenza na toponimia do país. Do MIND- > MOND- operaría unha labialización da vogal polo contacto coa consoante labial, un fenómeno moi común do vocalismo átono do galego.

Podería pensarse que a localización do actual Mondoñedo, no fondo dun val, non se correspondería con esa raíz prelatina a indicar elevación. Mais para iso serviu a introdución deste artigo: o San Martiño de Mondoñedo de Foz si que valida esta hipótese.

 

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…