O Hospital de peregrinos do “Monte Mísero”: A Alberguería

Laza é un punto chave no Camiño de Santiago. Nesta localidade ourensá xúntanse dúas vías de peregrinación xacobea, a Ruta da Prata, procedente do sur da Península, e unha das variantes do Camiño Portugués, desde o interior do país veciño, aproveitando a antiga vía romana do río Támega. Esta singular relación co Camiño tiña que ficar plasmada na súa historia e, como non, na súa toponimia: a pouco máis de 10 quilómetros da capital municipal existiu un importante hospital de peregrinos único en toda a comarca ata o século XVI. Malia que hoxe non se conserva, si sabemos a súa localización exacta grazas ao nome da entidade de poboación na que se atopaba: A Alberguería

O primeiro testemuño que temos deste albergue para peregrinos aparece nun documento datado en 1147 en que Afonso VII doa ao bispo Martiño de Ourense para a salvación da súa alma e dos seus parentes “illud hospitale quod est in Monte Misero”, isto é, o hospital que estaba no Monte Mísero. Segundo argumentou a arqueóloga Nieves Amado Rolán, o Monte Mísero era unha paraxe despoboada, áspera e solitaria debido á súa situación, nun alto tras superar en poucos quilómetros uns 500 metros de desnivel. Esta localización explicaría, segundo a investigadora, o topónimo hoxe desaparecido, Monte Mísero, actual monte Talariño, e tamén a necesidade de construír no terreo un hospital para repouso dos romeiros a Compostela tras a penosa ascensión.

No que respecta ao nome, Alberguería, é un derivado da palabra albergue ‘lugar de hospedaxe’, que procede do gótico *hA -ribAirg (o) ‘acampamento, aloxamento’. Ademais do lugar e parroquia de Laza, hai outras catro Alberguería en Galicia nos concellos de Nogueira de Ramuín, Muxía, Moraña e A Estrada. Para este último, Cabeza Quiles expón na súa obra sobre a Toponimia da Estrada que os peregrinos que se dirixían a “Santiago polo Camiño do Sueste, que percorre o extremo nordeste do territorio municipal da Estrada, durmían no lugar da Alberguería” polo que sería un paralelo toponímico da Albergaría de Laza.

Nas proximidades da Alberguería existen outros topónimos que posiblemente garden relación co camiño de Santiago: a freguesía lindeira pertencente ao concello de Sarreaus denomínase A Paradiña e pode facer referencia a unha parada pequena que se facía no Camiño; neste mesmo concello e seguindo o trazado que vai desde A Alberguería a Vilar de Barrio atopamos O Veredo, relacionado posiblemente con verea (lat. VEREDAM), un antigo camiño.
 

Tamén che pode interesar...

Detrás de cada un dos máis de 40.000 topónimos que forman parte do noso Nomenclátor, existe unha motivación e unha razón de ser…

É ben difícil escoitar a palabra Camariñas sen deixarse levar e recitar os versos que compoñen unha das cantigas máis afamadas…