Hai cinco anos, o alumnado do IES Pintor Colmeiro percorreu todos os recunchos do Concello de Silleda na procura dos nomes de cada regato, predio, outeiro ou penedo que tivese unha lenda ou acontecemento histórico asociado. Este inmenso traballo foi merecedor do premio ao IX Proxecto Didáctico Antonio Fraguas da convocatoria 2014-2015. O resultado final foi a publicación dun libro titulado A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda, que conta cunha versión dixital dos mapas toponímicos xerados onde figuran os topónimos, as lendas, fotografías... Agora, están a achegar toda esa magna información a Galicia Nomeada.
O traballo A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda comezou coa impresión dos mapas do plan de ordenación municipal do concello e a súa división en aldeas e lugares. Cada alumno dos participantes levou un anaco do terreo co fin de investigar non só a microtoponimia existente, pois unha parte importante do traballo foi recoller as lendas de tradición oral que estaban relacionadas con cada lugar. Ademais, cada topónimo tiña vinculada a información de recollida (informante, fonética...).
Como relata nesta nova Xoán Carlos García Porral, profesor do centro e un dos membros que coordinou o proxecto, "aos nenos pedímoslles que preguntasen aos maiores que significaba para eles eses sitios. Estaban moi agradecidos porque nunca lles preguntaran polo nome dun souto ou dun outeiro». O profesor tamén apunta a necesidade deste tipo de investigacións: «Segundo morre a xente maior, morren con eles eses nomes e lendas». A implicación do alumnado, cunha participación do 95%, e tamén de exalumnos, profesorado e habitantes de Silleda, conseguiu a recolla de 1025 topónimos xeorreferenciados no concello.
Porén, quedaba un paso, e nel tivo moito que ver Xoán Carlos García Porral: incluír todos eses datos en Galicia Nomeada para a súa divulgación a toda a sociedade galega. Durante este curso escolar, cada mércores, un grupo de dez rapaces, incluía unha media duns 120 microtopónimos novos acompañados polo audio coa súa pronuncia. O resultado deste traballo xa se pode consultar no visor de topónimos de Galicia Nomeada. Esta entrega do alumnado do IES Pintor Colmeiro converteunos no colectivo que máis topónimos incluíu ata a data na plataforma colaborativa, con 1187 fichas de topónimo enviadas.
Dámoslles as grazas a todos eles e pregámoslles que sigan traballando así de ben!
Este venres 23 de agosto tivo lugar en Cervás a presentación dun extraordinario traballo de recollida e rexistro da talasonimia, isto é…
O IES de Meaño, un dos centros máis activos na plataforma Galicia Nomeada, presentou un interesante proxecto de posta…