O proxecto “A memoria das aldeas” do Concello de Allariz colabora con Galicia Nomeada

As áreas de Igualdade e de Cultura do Concello de Allariz acaban de facer a presentación pública dun gran proxecto colectivo de recuperación da súa toponimia tradicional, onde as asociacións veciñais do concello e Galicia Nomeada teñen un papel moi importante. 

Baixo o nome de “A memoria das aldeas”, o programa xorde da colaboración entre o proxecto Galicia Nomeada e as áreas de Igualdade e mais de Cultura do concello allaricense. Cristina Outeriño, técnica de Igualdade, é a responsable de executar este proxecto. Os primeiros pasos déronse no mes de outubro de 2022, cando a técnica de Cultura, Carmen Vidal, organizou a visita a este concello ourensán da Campaña Toponimízate e do coordinador técnico do proxecto, Vicente Feijoo, evento en que se presentou a ferramenta e se deron as chaves para o seu uso.

Tras a visita de Toponimízate, “A memoria das aldeas” comezou a súa andaina no mes de xaneiro e prologarase ata o mes de maio. Nesta acción terán un papel fundamental as asociacións veciñais allaricenses. Dúas delas, a AA.VV. de Nanín e a de Santa Marta de Roiriz tiveron a honra de comezar os traballos de recolla nas súas respectivas freguesías. Grazas á colaboración de maneira voluntaria da veciñanza das súas aldeas, comezaron a salvagardar o seu patrimonio  toponímico e xa son varias as ducias  de lugares recuperados e postos á disposición de todos os galegos no visor de Galicia Nomeada.

Durante os seguintes catro meses este proxecto toponímico do Concello de Allariz chegará a Torneiros, San Mamede de Urrós, Roimelo, Queiroás, Valverde, Coira, Meire, O Mato, Seoane, Outeiro e Gundiás, de maneira que contará coa colaboración doutras 10 asociacións veciñais. 

Desde Galicia Nomeada queremos darlle os parabéns á alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid, quen adquiriu o compromiso de executar este proxecto desde o mesmo día que asistiu á charla Toponimízate, e ás concellerías de Igualdade e Cultura por esta estupenda iniciativa, que agardamos sirva de modelo para outros concellos do país. 
 

Tamén che pode interesar...

O IES de Meaño, un dos centros máis activos na plataforma Galicia Nomeada, presentou un interesante proxecto de posta…