Allariz comeza a recoller a súa toponimia tradicional
A Casa da Cultura de Allariz albergou o pasado venres 21 unha nova charla da Campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. O acto contou coa presenza de Cristina Cid Fernández, alcaldesa de Allariz, quen agradeceu a iniciativa conxunta da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral de Política Lingüística para salvagardar o patrimonio de todos os galegos e amosou a súa predisposición a levar a acción de recolla de toponimia parroquia a parroquia a través das súas asociacións veciñais e dos centros de ensino.
Gran parte da charla de Allariz estivo centrada na plataforma Galicia Nomeada e como sumarse á salvagarda da nosa toponimia tradicional, unha acción que xa emprenderon milleiros de colaboradores en todo o país. O profesorado do IES de Allariz presente na charla tamén manifestou a súa intención de levar o programa ao centro onde imparten aulas e procurar que o alumnado se implique na recolla toponímica.
Despois de lles presentar as principais características da plataforma e da aplicación, tanto na súa versión de escritorio para ordenador como nas aplicacións para dispositivos móbiles, a charla de Vicente Feijoo derivou cara á orixe e significado dos nomes das parroquias e das aldeas de Allariz. Entre eles, Vicente contou como curiosidade a mudanza do topónimo Penaflor, unha galeguización dun Peñaflor creado en castelán no século XIX, que veu substituír un orixinario topónimo que se considerou malsoante ou ofensivo, Cabrón. Unha das persoas asistentes ao evento, Antonio Blanco Rodríguez, vicepresidente da Fundación Vicente Risco e ex-concelleiro de Cultura, achegou un dato ata entón descoñecido para nós sobre outra entidade de Allariz, Vilar de Flores, situada na parroquia dos Espiñeiros, que antigamente se chamaba Vilar de Porcos. Antonio puxo a nota cómica afirmando que “neste concello solucionamos todos os casos de topónimos feos poñéndolles flores”.
Vicente Feijoo, natural do concello do Riós, tamén fixo fincapé na irmandade do nome do seu concello cos das parroquias allaricenses de San Mamede de Urrós e Santa Baia de Urrós. Urrós é un topónimo prerromano, que contén a raíz *Orr- co significado de ‘val entre montañas’, e emparentado co nome do concello do Riós (documentado coas formas villa Urriola, Orriolos, Urriós e Orriós). Topónimos con esta mesma raíz oronímica, como Urrós, Urroa, Orro, Orras, Órrea, Orretas… tamén os atopamos noutros puntos da provincia de Ourense, en Zamora e no norte de Portugal.
Oleiros, última parada de outubro da campaña Toponimízate
A Campaña Toponimízate visitará esta semana o concello coruñés de Oleiros. A Fábrica de Perillo acollerá o venres 28, a partir das 20:00 horas, a última charla do mes de outubro. No mes de novembro serán cinco os concellos que se sumarán á iniciativa: Ponteareas, Forcarei, Guntín, O Incio e Zas, cuxas citas iremos informando nesta páxina.