Nesta sección falamos en moitas ocasións de topónimos transparentes ou de topónimos opacos: os primeiros serían aqueles cuxa forma coincide con palabras do galego común, doadas de comprender para calquera falante da nosa lingua; os segundos serían os opostos, nomes que nos resultan escuros porque non coinciden con ningunha palabra do léxico común. Con todo, sempre cómpre termos cautela pois na toponimia hai moitos falsos amigos e, ás veces, as cousas non son que o parecen ser. O topónimo O Vieiro, aldea do concello de Vilar de Santos, pode ser un destes casos.
Con toda probabilidade, moitos dos vinte e un lugares que hoxe existen en Galicia denominados Vieiro ou Vieiros, con ou sen artigo, poden explicarse desde a voz do galego común idéntica, que posúe o significado de ‘camiño estreito formado a forza de pasaren por el a pé persoas e animais’, segundo o Dicionario da Real Academia Galega. Este “vieiro” procede da forma latina VIARIUM, derivado do termo clásico VIA ‘camiño, verea’.
Agora ben, dous dos principais expertos en toponimia galega, Edelmiro Bascuas e Gonzalo Navaza, puxeron a lupa sobre este topónimo para veren máis alá do que semella a primeira vista. Así, os dous autores defenden que os caprichos da evolución fonética desde o latín ao galego levarían á coincidencia formal entre os derivados romances do VIARIUM que acabamos de ver e un hipotético *VENARIUM, procedente do latín VENA co significado de ‘vea ou filón de ferro ou auga’. Por tanto, algúns destes topónimos Vieiro que atopamos por toda Galicia poderían estar motivados pola existencia de depósitos subterráneos dun material moi importante no mundo tradicional, o ferro, ou mesmo pola presenza de veas de auga subterránea.
Para saber cal destas hipóteses etimolóxicas puido motivar o topónimo de Vilar de Santos, deberemos ter en conta se houbo aquí algún tipo de explotación mineira de ferro, se hai veas de auga subterránea ou se existiu unha antiga verea ou camiño real que pasaba por este lugar. O feito de existiren outros topónimos viarios moi próximos como Parada, A Venda ou A Ponte, e que a casa do Museo Etnográfico da Limia fose noutrora un hospital para peregrinos, inclina a balanza cara á idea de que este Viario nos indique o paso por estas terras dun antigo camiño que puido ser unha variante desaparecida da ruta de peregrinación xacobea a Compostela.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…