Os nomes da nosa terra: Fornelos

A toponimia é un tesouro cultural que está presente en todas as partes dun territorio, pero, aínda así, moitas veces pasa desapercibido para os seus habitantes. Buscando a orixe e significado dos nomes da nosa terra, podemos coñecer a historia dos lugares en que habitamos. Este foi o obxectivo que se propuxeron os veciños e veciñas da Asociación A Fonte de Fornelos ao recoller toda a microtoponimia do termo territorial da súa aldea.

A aldea de Fornelos, situada na parroquia de Baio (Concello de Zas), é a protagonista deste novo capítulo da serie “Os nomes da nosa terra”. Este é un proxecto audiovisual ideado polo produtor Antón Moure, que está composto por unha serie de microdocumentais cuxo obxectivo é dar a coñecer as iniciativas de salvagarda e investigación da nosa microtoponimia que van xurdindo por todo o país  e que camiñan da man do proxecto colaborativo Galicia Nomeada, así como divulgar entre o público xeral a información que nos achegan moitos dos topónimos singulares que existen na nosa terra.

Neste capítulo, o presentador Fran Cañotas reúnese cos membros da Asociación A Fonte de Fornelos para que lle expliquen como recuperaron de forma colectiva o que eles e elas mesmas consideran un dos seus maiores tesouros culturais, os nomes das terras da súa aldea. Xunto a Rocío Romar,  Fran visitará o manancial que lle dá nome á asociación e tamén a Mámoa da Salgueira, túmulo que posiblemente estea na orixe do topónimo Fornelos. Con Pepe de Riba do Vao coñecerá como se chaman os distintos barrios ou partes desta aldea: O Outeiro, Reiriz, Riba do Vao e O Vao. Estrela mostraralle O Coveiro, unha leira de dez "cuartillos" de ferrado que representa o exemplo perfecto de que cada recantiño da nosa terra ten un nome propio. Felipe Allo, presidente da asociación, incide na importancia que tivo nesta aldea a toponimia relacionada coa presenza de auga. Estrella Balsas e Ramona Martínez detallan como foi o traballo da Asociación Fonte de Fornelos á hora de recuperar todos os nomes que forman a paisaxe toponímica desta aldea de Baio. Ademais, ensínanlle a Fran O Prado do Feo e acláranlle que, nisto da toponimia, "as cousas non son o que parecen".

Por último, como vén sendo habitual no formato destes programas, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e asesor científico nesta serie documental, explicará a orixe do nome da parroquia onde se atopa esta aldea, Baio, e mais o nome da comarca, Soneira, que ten que ver coa antiga tribo dos nerios que poboaron estas terras. A nota esperanzadora de que a transmisión xeracional deste patrimonio inmaterial non se vai perder vén da man de Omar Rodríguez, un cativo que sabe ducias de microtopónimos das terras de Fornelos.
 

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…