Os nomes da nosa terra: Rodeiro

A toponimia é moito máis que patrimonio cultural. Grazas a ela podemos descubrir as chaves para interpretar o noso territorio, para descubrir cousas do pasado que non están escritas en ningures, pois os nomes de lugar poden preservar a memoria dun pobo e transmitir a súa historia. Algo disto poderemos ver neste novo capítulo da serie “Os nomes da nosa terra” no que Fran Cañotas visita o concello de Rodeiro.

Alí conversará con Xoán Carlos García Porral, antropólogo, escritor, investigador, profesor de ensino secundario e, sobre todo, un auténtico namorado das terras do Deza. En Rodeiro, visitarán O Castelo de Baroncelle, A Pena Bicuda, A Pena dos Cruceiros... e descubriremos a orixe da construción chamada A Tulla do Outeiro de Fafián, un topónimo metafórico que nos leva a épocas en que os monxes de Oseira recollían as rendas e as gardaban aquí, como ben nos explica Xoán Carlos. 

Tras coñecer con Xoán Carlos as historias e lendas agochadas nalgunhas pedras de Rodeiro, Fran Cañotas disponse a facer parte do Camiño de Inverno con Luis López Diéguez, actual presidente da Deputación de Pontevedra, pero que foi alcalde deste concello entre os anos 2011 e 2021. Luís explicaranos a orixe da Ponte do Pedroso e falaranos do xentilicio popular polo que son coñecidos os habitantes de Rodeiro, cambotes. O termo deriva do nome tradicional deste territorio, A Terra de Camba, e que Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, explicará no remate deste episodio.

Tamén che pode interesar...

Detrás dalgúns topónimos hai historias que nos falan das crenzas relixiosas ou pagás dos nosos antepasados, historias que chegaron ata…

A vida nunha illa transcorre paralela aos feitos que afectan ao resto do mundo, pero coas súas propias singularidades. Isto fai que os…