A paisaxe toponímica do Valdeorras de Florencio Delgado

Nada máis importante que os topónimos para darlles vida aos lugares. Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado no 2022 no Día das Letras Galegas, sabía da importancia de nomear para evocar na memoria os espazos vividos e deixar constancia de que “os nomes teñen alma”, en palabras de Xesús Alonso Montero. 

Este valor literario da toponimia recorre a poesía de Florencio Delgado en diferentes textos da súa obra. Un deles é o poema “Nomes”, recollido no libro Galicia Infinda (1963). Nel, o autor establece un diálogo toponímico entre o México que o acolleu como exiliado político tras o Golpe Militar de 1936 e o seu Valdeorras, do que tivo que fuxir. Dous mundos tan distantes que se plasman nas diferenzas idiomáticas e toponímicas.

Na primeira parte do poema, o autor salienta  o “son garruleiro e lisgairo” da toponimia indíxena a ouvidos dun galego exiliado como era Delgado Gurriarán. Tsintsunsan, Paricutín, Sirahuen, Uruapan, Ario, Saráracua, Cupatizsio,  Tangancícuaro ou Tacámbaro son, ademais dos topónimos mexicanos que aparecen incluídos na composición, un “rechouchío de paxaros” en palabras do autor valdeorrés.

Fronte a eles, “o doce e sonoroso canto” dos catorce lugares de “antergo e de nobre alamio” cos que quere evocar o seu Valdeorras desde a distancia do exilio. Algúns destes topónimos son hoxe para nós coñecidos e figuran incluídos en Galicia Nomeada: Córgomo, a súa aldea natal; as localidades de Baxeles, Arnado, Valdegodos ou Arcos, de Vilamartín de Valdeorras. Dos concellos lindeiros cita Outarelo, Millarouso e Cesures, no Barco de Valdeorras, do que tamén inclúe o alto da Pena da Moura; Portomourisco e A Portela de Portomourisco en Petín.

Porén, tres destes lugares son máis difíciles de concretar. Por un lado temos O Castelo, que talvez faga referencia ao hoxe desaparecido Castelo de Vilamartín, incluído en Galicia Nomeada por unha colaboradora. Por outra banda, O Castro, que pode facer referencia ao lugar así denominado na parroquia do Castro de Valdeorras ou tamén ao lugar de Castro da parroquia de Santigoso, ambos os dous no mesmo concello do Barco de Valdeorras. Por último, está o Val de Afreixo, que puidera estar nas proximidades dun Pozo de Afreixo, localizado na freguesía de Portomourisco, no Concello da Rúa.

Desde aquí, facemos un chamamento para localizar en Galicia Nomeada este Val de Afreixo e axudarnos a atopar os lugares correctos do Castro e do Castelo a que fai referencia Florencio Delgado Gurriarán. Axúdasnos?

Por último, deixámosvos con dous vídeos. Nun primeiro, oo escritor Miro Villar recitando o poema “Nomes”. A peza audiovisual forma parte da canle de youtube Cinema Porviso, do CPPI dos Dices (Rois), onde o alumnado deste centro está a publicar diferentes vídeos sobre Delgado Gurriarán. Nun segundo, é o académico de número Manuel Rivas quen recita o mesmo poema dentro da serie de micropezas documentais  Polos Vieiros de Florencio - Letras Galegas 2022 na que distintas voces profundan na figura e na obra de Florencio Delgado Gurriarán.

Nomes, por Miro Villar

Nomes, por Manuel Rivas

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…