Despois de percorrer 9 concellos do país neste 2021 e moitos máis desde que comezou a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, podemos tirar unha conclusión ben clara: o interese polos nosos nomes de lugar non distingue de idade, sexo ou condición social. Alá onde estivermos, a parte das charlas na que tratamos sobre a orixe e significado dos topónimos é a que maior interese suscita entre todas as persoas asistentes: tanto é así que a quenda de intervencións do público poderiamos bautizala como O Preguntoiro, xogando coa palabra do léxico común “pregunta” por mor do número de consultas que hai e un topónimo relativamente frecuente na nosa toponimia, Preguntoiro.
Precisamente na freguesía do Couzadoiro de Ortigueira, concello onde puxemos o ramo á edición 2021 da campaña Toponimízate, existe un lugar denominado O Preguntoiro. Único no Nomenclátor, hai en Galicia, porén, outros Preguntoiro a indicaren diversa tipoloxía toponímica: accidentes mariños como a Punta do Preguntoiro en Porto do Son; lugares próximos a un meandro dun río, como no veciño concello de Mañón; castros, como en Pantón, etc. A variante Preguntouro tamén está rexistrada como accidente costeiro en Bueu ou en Cangas.
A voz “preguntoiro” non aparece recollida nos dicionarios actuais, mais Filgueira Valverde definiuna hai un século como “lugar onde se publican los pregones”. O polígrafo pontevedrés debeu ter presente a rúa do Preguntoiro, en Santiago de Compostela, á hora de definir o termo. Para esta mesma vía, Dolores González de la Peña propón a etimoloxía PEREGRINATORIO por ser o lugar por onde penetraban os camiñantes na súa peregrinación, e mesmo unha etimoloxía popular indica que debe o seu nome a que nun dos seus extremos os peregrinos “preguntaban” pola localización da catedral.
Non negamos que noutrora se publicasen nesta vía as notificacións municipais, que sexa vía de entrada das peregrinacións nin que alí se consultase sobre a localización do templo compostelán, mais poñemos en dúbida que isto mesmo se fixese nun castro ou nunha punta costeira ben afastados das vías principais de peregrinación xacobea. Por tanto, o exposto ata agora non serve para explicarmos os diferentes Preguntoiro que existen en Galicia.
Con esta premisa, Xosé Luís González Paz quixo deitar luz sobre este topónimo nun artigo que podes consultar nesta ligazón. Tras comprobar que varios destes lugares están situados nun saínte entre augas, quer entre correntes fluviais, quer costeiros, chega a conclusión de que a motivación orixinaria sería indicar precisamente estes saíntes. Canto á etimoloxía, descarta a súa procedencia do latín PROMONTORIUM e apunta cara unha voz PRAECUTORIUM recollida por Du Cange no Glossarium mediæ et infimæ latinitatis que tería un significado semellante ao de “promotorio” xa exposto, "terreo que entra na auga”.
Resolvendo a pregunta do Preguntoiro, pechamos en Ortigueira o “preguntoiro” ata a campaña Toponimízate 2022.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…