Que serían as Palas de Rei?

A cultura popular sempre amosa unha abondosa inventiva á hora de buscar orixes ao nomes de lugar. Non hai mellor exemplo que a lenda sobre a orixe do topónimo Palas de Rei que recolleu Antonio Viña López, alumno de 2º de ESO do IES de Palas de Rei:

O rei pediulle un pano ao seu mordomo e cando este llo ía levar, alguén preguntoulle:
—Para quen é ese pano?
E respondeu o mordomo:
—P’alas narices de El-Rei!

Supoñemos que o rei protagonista deste relato humorístico sería Witiza, o rei visigótico que, segundo a tradición, mataría Fáfila nestas terras de Palas de Rei, onde, ao mesmo tempo, tería o seu pazo, o PALATIUM REGIS que aparece nun documento de 1153. Porén, a evolución de PALATIUM a Pala semella complicada, malia que Nicandro Ares teoriza sobre unha posible contaminación co termo Palla, tendo en conta que no século VI a sé episcopal de Ourense se coñecía como Palla Aurea.

Malia o anterior, son máis as voces que ven no Palas unha orixe non latina. Así, Vázquez Rodriguez salienta que a orixe do termo podería estar nas palabras do galego común “pala” e, por tanto, preindoeuropea, mentres que Edelmiro Báscuas considera que o primeiro elemento podería ser un derivado da raíz indoeuropea *pel-, “encher, verter, fluír”, polo que podería ser, na realidade, un Río de Rei.
 

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…