Quiroga, un topónimo milenario de orixe controvertida

Poucos concellos galegos están tan marcados pola paisaxe como as terras de Quiroga. Está enmarcado, ao norte, polas impresionantes montañas da Serra do Courel e, ao sur, polo non menos incrible Canón do Sil. Presenta unha variedade de paisaxes e de espazos naturais tan únicos como o é o seu nome.

Quiroga é unha alfaia toponímica que non ten igual no Nomenclátor de Galicia. Ademais, é un topónimo que leva connosco centos de anos: as atestacións máis antigas datámolas no século VI e podemos atopalas no Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) se buscamos polo termo Carioca, Carioga ou Karioca.

Hai dúas hipóteses principais para explicar a súa orixe e significado, máis ningunha delas resulta totalmente concluínte. A tese máis difundida é a fitonímica (referida á flora), a que explica Quiroga como unha variante do fitónimo que no galego común coñecemos como queiroga / queiruga ou queiroa, arbusto da familia das ericáceas do que existen varias especies. A estes fitónimos supóñenselle os étimos latinos *CARIOCA e *CARIOLA, respectivamente. Os descendentes toponímicos destes étimos non son moi abundantes no Nomenclátor de Galicia: Queiroa de Abaixo e Queiroa de Arriba en Mesía, Queirúa en Ordes, A Queiroga nas Somozas e Queiruga en Padrón e O Porto do Son. Non entanto, a súa presenza é maior na microtoponimia: arredor de 150 son as Queiroa, Queirúa, Queiroga ou Queiruga que podemos comprobar xeolocalizadas no visor de Galicia Nomeada. 

Agora ben, Elixio Rivas Quintas descartou esta posibilidade e fai derivar as formas anteriores e o topónimo lugués dunha raíz prerromana *KAR- ‘pedra, rocha’. Gonzalo Navaza, na súa obra sobre a Fitotoponimia galega, deu por válida a tese de Elixio Rivas ao afirmar que “debe ser orónimo” o nome deste concello que noutrora tamén designou unha xurisdición lindeira coa de Lemos. Segundo a tese de Rivas, un adxectivo coa terminación -AECU engadido á base antiga do topónimo CARIOC lese nunha advocación teonímica, MARTI CARIOCECU. O paralelismo con outras adxectivacións oronímicas do deus Marte na epigrafía faille supor este valor referido ao relevo, segundo tamén expón Gonzalo Navaza.  Por tanto, o seu significado sería o dun lugar pedregoso, que tamén o é. 

O que está claro, sexa cal for a motivación orixinaria, que en Quiroga temos abundancia tanto de queirugas como de pedras.

Tamén che pode interesar...

No ano 1219, o rei Afonso VIII accede a unha “instantiam et petitionem habitanorum”, isto é,  a unha…

Hai etimoloxías populares que se transmiten de persoa a persoa, de século a século, e chegan a converterse en verdades de fe para a…