Ortigueira pasa por ser un dos concellos do país con máis entidades de poboación, pois no seu termo municipal conta con case 800 asentamentos poboacionais con cadanseu nome. Con esta relación tan ampla de topónimos, hainos de todos os tipos e para todos os gustos, mesmo existe un que é ben feo: O Feo.
Feo é un adxectivo do galego común que empregamos para salientar ‘unha impresión desagradable aos sentidos’ ou que algo nos inspira un ‘sentimento de desprezo ou repugnancia’. Porén, O Feo de Ortigueira non ten nada que ver con esta palabra, senón co substantivo homónimo que no galego común empregamos co significado xenérico de ‘herba segada e seca que serve de alimento para o gando’, coincidente co que posuía a voz latina da que deriva, FENU; quer o significado específico de ‘planta das gramíneas que se caracteriza polo seu particular recendo’. O Feo, pois, na súa orixe sería un herbal ou un lugar onde abunda o feo, isto é, a herba chamada cientificamente Deschampsia flexuosa.
O Feo é un topónimo único en toda Galicia. É máis abundante o topónimo O Feal, forma derivada por medio do sufixo -al (latín -ALE), que indica ‘abundancia desta herba’. O Nomenclátor recolle 17 localidades denominadas O Feal, 2 como Feal, sen artigo, e varios topónimos compostos, como O Feal de Paula, Feal de Ansemil, Tras do Feal ou Fontefeal. A forma en plural presenta as variantes dialectais Feás -14 ocorrencias entre formas con ou sen artigo e mais as derivadas- Fiais e Feáns.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…