Como adoita acontecer nos topónimos únicos ou con pouca representación no Nomenclátor, a orixe e significado de Mirallos é tamén escura e controvertida. Mesmo Joseph Piel, un dos estudosos máis salientables da toponimia galego-portuguesa, non foi quen de atoparlle explicación nin de propor ningún étimo cando investigou a toponimia da Fonsagrada, onde existe un lugar así chamado na parroquia de Vilabol de Suarna. Ademais deste, hai outras 3 aldeas galegas que comparten este topónimo nos concellos de Paradela, A Peroxa e San Cristovo de Cea.
En cambio, outros autores si que se atreveron a lanzar a súa tese, con máis ou menos fortuna. O académico correspondente e erudito na onomástica luguesa, Nicandro Ares, vencellouno cun antropónimo visigótico latinizado como MIRALDUS, analizado por Joseph Piel noutra das súas obras esenciais, Hispano-gotisches Namenbuch. Este presentaría a raíz gótica mereis ‘famoso’, con abundantes descendentes toponímicos no noso territorio. Segundo Nicandro Ares, o paso de MIRALDUS a Mirallos explícase, ao seu xuízo, por unha palatalización do grupo consonántico <ld> que se dá noutros antropotopónimos, como GUNTILDI > Gontelle; porén, esta hipótese conta cun obstáculo evidente: a forma Mirallos esixiría derivar dun acusativo *Miraldos para que se producise a palatalización.
Con este inconveniente, é necesario buscar outra explicación que deite luz sobre Mirallos. Abelardo Moralejo Lasso incluíuno nun amplo grupo de topónimos formados co verbo ‘mirar’ e que deberan ter un significado semellante a ‘miradoiro’, mais non menciona explicitamente o seu étimo; si que o fan, en cambio, outros eruditos da nosa toponimia, como Alberto Díaz Fuente ou Gonzalo Navaza que propoñen o latín MIRACULOS, un derivado do verbo MIRARE que faría referencia a un ‘lugar con boas vistas’.
Por último, non podemos descartar que este nome de lugar teña unha orixe máis antiga, prerromana. Deste xeito, podería tratarse dun hidrónimo que conteña a raíz indoeuropea *MAR- / *MER-/ *MIR- ‘auga mansa, auga estancada’, presente en topónimo desta mesma orixe como Mira, Meira, Trasmiras..., e da que fala Luz Méndez recentemente nun vídeo do Seminario de Onomástica responde a respecto do topónimo Miranda.
Poucos concellos galegos están tan marcados pola paisaxe como as terras de Quiroga. Está enmarcado, ao norte, polas…
No ano 1219, o rei Afonso VIII accede a unha “instantiam et petitionem habitanorum”, isto é, a unha…