Vilardecás, un topónimo supervivente

No artigo “Malos, Perros e Cas, topónimos interditos”, o académico correspondente e membro do Seminario de Onomástica Antón Palacio explica como catro parroquias galegas sufriron un proceso de retoponimización no século XVI. O motivo foi que as autoridades eclesiásticas consideraron que os seus nomes eran poucos acaídos ou despectivos para designaren unha freguesía. A mudanza denominativa foi promovida polos bispos das respectivas dioceses, movidos polo espírito reformador da Administración eclesiástica xurdido tras o concilio de Trento, segundo Antón Palacio. Estas catro parroquias, Santa María de Malos en Melide, Santa María de Perros en Brión e Boimorto, e Santa María de Cas en Oroso, pasaron a se denominar, desde entón, co topónimo Os Ánxeles. Deste cambio toponímico salváronse dúas parroquias, Cans no Porriño e Vilardecás en Maceda.

Descoñecemos por que as autoridades eclesiásticas non puxeron a súa mirada neste topónimo como si o fixeron nos de Brión, Boimorto ou Melide. Segundo Antón Palacio, a parroquia porriñesa de Cans chegou sen mudanzas aos nosos días porque, entre outros razóns, “o tabú non pode actuar con este nome coa mesma forza con que o fixo en Perros”, motivo que tamén puido operar na supervivencia de Vilardecás ata os nosos días. 

Vilardecás é un topónimo único, aínda que existen dous Vilar de Cas no noso Nomenclátor de Galicia como aldeas das freguesías de Moreira, en Castroverde, e de Souto de Limia, en Muíños. En documentos en latín ou en galego medieval, localizados en Ourense, Melón ou Xinzo de Limia, o topónimo de Maceda aparece como Uilar de Caes (1142), Uilla de Canes (1260), ou Pedro Peláez de Uilar de Caes (1255). Tamén o documentamos como Villare de Canibus (1174) ou Villari de Canibus (1291), porén, semellan falsas latinizacións.

Sobre o Vilar de Cas de Castroverde, documentado como Vilar de Caesen (1286) ou Villar de Caesen (1309), Nicandro Ares expón que “parece aludir a CANIS ‘can’ (animal)”, etimoloxía que Manuel Domínguez Quiroga traslada ao homónimo de Muíños. Porén, Nicandro Ares tamén apunta ao antropónimo CANIS, nome latino con claro matiz despectivo, segundo Ana Boullón.

Vilardecás, por tanto, podería ter orixe quer nunha explotación agrícola onde había moitos cans ou que “cas” fose o alcume despectivo dos seus primeiros moradores, o cal non foi percibido como ofensivo polas autoridades eclesiásticas, un feito que posiblemente o salvou da retoponimización.

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…