A vinculación do topónimo A Reza cos cursos fluviais

En varias publicacións desta sección temos advertido que as aparencias poden enganar e o topónimo que exploramos hoxe A Reza é un excelente exemplo diso pois nada ten que ver co verbo rezar.

Ademais dunha aldea da Arnoia, A Reza é tamén un núcleo de poboación da Cañiza e Láncara; tamén o podemos ver simplemente como Reza sen artigo na Peroxa e no concello de Ourense, onde figura no nome dunha parroquia e das aldeas Reza, A Estrada de Reza e Reza Vella. A pesar da súa semellanza co substantivo "rezo" e o verbo "rezar" en galego, ningunha das teorías sobre a orixe do topónimo A Reza suxire unha relación con estes termos. E non faltan hipóteses para explicar este curioso nome.

Joseph Piel foi o primeiro en estudar o topónimo a mediados do século XX. Segundo as atestacións medievais do nome que el documentou como Retia e Recia, Piel propón que Reza podería derivar dunha forma feminina RETIA, diverxente da voz latina RETE ‘rede’. Faría referencia xa que logo a unha "armazón de redes" situada nun río. Segundo esta interpretación, o topónimo estaría vinculado ás pesqueiras fluviais, un compoñente esencial da economía galega durante séculos, especialmente preto dos ríos.

Bascuas, en cambio, negou a proposta de Joseph Piel ao considerar que o lugar da Reza da Cañiza “está alejado de cualquier curso de agua que justifique”. Por tanto, consideraba obrigado “prescindir del posible origen romance” e relacionaba Reza con outros topónimos como Reción e Rezón / Razón, aos que consideraba hidrónimos prerromanos. Segundo el, proviría da raíz indoeuropea *ER- que significa "auga en movemento" ou "corrente".Agora ben, Bascuas parte dun erro: o lugar da Reza da Cañiza si está situado á beira dun río, o río Calvo, afluente do Deza. Por iso, cómpre non desbotarmos a proposta de Piel.

O estudoso Frutos Fernández tamén segue a hipótese de Piel na investigación toponímica feita no libro Os nomes do Ribeiro, onde sinala que a situación dalgunha destas aldeas chamadas Reza á beira dun río tan importante como o Miño fai improbable que o topónimo se refira directamente ao río en si. Daquela, suxire que Reza se refira a lugares situados xusto nas beiras dos ríos, o que conecta o topónimo coa súa localización xeográfica e corrobora a proposta de Piel.

A última proposta é a de Nicandro Ares, quen presentou a posibilidade de que a Reza de Láncara, lugar situado tamén á beira do río Sarria, proceda dunha antiga VILLA RECIA, a propiedade dun propietario medieval chamado Recius ou Rhaetius.

Xa que logo, aínda que o topónimo Reza poida ter varias interpretacións, xulgamos que a localización dos enclaves así denominados á beira dun curso fluvial é fundamental para comprendermos o seu significado, ben sexa como un hidrónimo ou ben en alusión ás actividades pesqueiras practicadas nos ríos galegos.

Tamén che pode interesar...

Son innúmeras as ocasións en que nesta páxina aludimos á importancia que ten a toponimia para descubrir a historia do territorio que…

A gran base de datos da toponimia tradicional galega, Galicia Nomeada, suma…