As “xarfas” do Monte Louro

O Monte Louro é testemuña dun fenómeno natural que, malia de se producir cando menos dúas veces ao ano, non deixa de nos sorprender polas súas imaxes espectaculares. Como podes comprobar no vídeo do dixital Que pasa na costa de hai uns días que pecha este artigo, trátase da rotura da duna natural que separa o mar da lagoa do Monte Louro. A vista deste fenómeno in situ paga a pena por un outro feito, o nome da lagoa.

A pesar de que na actualidade está a se estender o uso da forma moderna “Lagoa do Monte Louro” ou simplemente, a “Lagoa de Louro”; cómpre reivindicarmos que este espazo natural ten topónimo de seu: A Lagoa das Xarfas ou das Xerfas, un nome ben xeitoso que non pode ficar no esquecemento.

Mais, que será esa xarfa, ás veces procunciado xalfa e outras xerfa? O dicionario da Academia non recolle o substantivo mais si aparece nos dicionarios antigos. Así, Leandro Carré Alvarellos definiu a forma “xerfa” como a “superficie espumosa do mar que se estende en faixas nas proximidades da costa polo efecto das rompentes”. E nada máis acaido a esta lagoa e a esta zona da costa de Muros. ás veces cuberta desas escumas. A expresión “mar de xerfa” tamén se escoita nas persoas que viven do mar para faceren referencia a ese mar picado con escuma, propio de temporais.

O topónimo Xarfa ou Xalfa non foi rexistrado noutros puntos da nosa xeografía. Porén, no concello de Âncora no norte de Portugal existe a praia da Gelfa que se pode corresponder coa nosa Lagoa das Xarfas.

Por se fose pouco a Lagoa da Xarfa, o fenómeno tamén ten un nome aquelado: a “rotura do ingüeiro”. Mais iso será cuestión doutro artigo...

Tamén che pode interesar...

Trasancos é hoxe o nome dunha parroquia de Narón e doutra do municipio veciño de Ferrol, Santa Icía de…

En Ponte Caldelas existe un castro á beira do embalse de Eiras onde morou, en tempos remotos, un habitante singular: un xigante de…