A paisaxe toponímica de Luísa Villalta: “Nomes” (cuarta parte do poemario En concreto)

En concreto é a obra póstuma de Luísa Villalta; talvez o grande poema da Coruña, herdeiro doutras obras poéticas que teñen o seu fío condutor na cidade herculina, como Nau enfeitizada, de José María Monterroso Devesa, ou Poema da Cruña, de Xosé Rubinos. 

Cando o 24 de xaneiro de 2004, o xurado do premio de poesía Espiral Maior decide por unanimidade galardoar En concreto faino subliñando a importancia que esta cidade ten en todo o texto. Unha obra feita por e para A Coruña, a Cidade Alta, á que Luísa Villalta lle cede a voz no “Poema da Cidade Alta” que pecha o libro:

O meu nome é o da Cidade Alta
nacido onde a luz e o mar se están orixinando
mutuamente.

A relación entre Luísa Villata e A Coruña é tan patente neste poemario que ela mesma se encarga de vestila:

Hoxe vestín a Cidade como todos os días 
e saín polas rúas procurando un abrigo.

Con estas premisas, podemos afirmar que toponimia desta obra é unha peza esencial coa que Luísa Villalta arma o texto de comezo ao fin. Pensemos en que a cuarta parte da obra denomínase, non por casualidade, “Nomes”. Nela, a autora fai unha “unha reflexión lírica de como os nomes se defenden do seu vaciamento de significado”.

O poema abre e pecha con dúas sentenzas indiscutibles. Por un lado, a importancia dos topónimos nas nosas vidas como gardiáns das experiencias humanas:

Os lugares gardan instantes humanos nos seus puños fechados: 
son os nomes.

Por outro, a plena identificación dos nomes de persoas cando pecha o poema afirmando que:

Os nomes somos nós.

Entre estas dúas sentenzas que abren e pechan o poema, a toponimia e microtoponimia da cidade faise protagonista. “A cidade recupera a través desta (a toponimia) a memoria e as historias perdidas”, en palabras de Armando Requeixo na obra Pensar é escuro, edición da poesía de Luísa Villalta desde 1991 a 2004.

O poema é unha viaxe por toda xeografía coruñesa, desde Os Castros a Labañou, desde nomes amplamente coñecidos como Monte Alto a microtopónimos da costa, como O Grelle, un areal situado nas proximidades do Campo da Rata:

Os nomes ansían coñecer 
deixar de ser cativos do estandarte 
–de tanta tristura-
e reviver no muro mil veces derruído dos Castros 
que se volve a levantar con cada amañecida 
entoar a pregaria ao deus Arminio alá na ponte do Grelle 
onde o mar debulla as maldicións benévolas dos suicidas 
e rir como rin en Riazor as riolas de gaivotas 
que non poden saír da campa estridulante, ceu doméstico 
remontando polo val de Labañou até onde o vento ven do alto 
e rube o Peruleiro e segue a aba toda dun confín non estreado 
un confín irredutíbel como o que cada carta trai ao lombo 
do seu sobre fechado.

Os seixos dos nomes van depositándose moi fondo
no esquecimento do río de Monelos 
alí onde ninguén teima desafiar a propria morte
 para tráerllelos aos nenos que corren polos bairros
–nenos nenos aínda– e confesar 
o cotidianos que nacemos desde que fomos onte 
confesar que de verdade os Mallos mallan
 que a Gaiteira aínda ven de Agrela asubiando cara ao mar 
e no Montealto, no de Outeiro e mais nas Moas 
permanecen os ares insepultos que nos foron dando forma
 no molde verbal dos ventos que habitamos.

A poesía de Luísa Villalta non se entende sen A Coruña: “amo esta Cidade tatuada na pétrea pel do mar”. 

Tamén che pode interesar...

Trasancos é hoje o nome de uma freguesia de Narón e de outra do município vizinho de Ferrol, Santa Icía de…

Em Ponte Caldelas existe um castro junto à barragem de Eiras onde, em tempos remotos, viveu um habitante único: um gigante de longas…