Descubrimos o proxecto toponímico “Covelo, parroquia a parroquia”

Como pode haber no interior da provincia da Pontevedra un imposible “val do mar”? Esta é a pregunta que leva ao inconfundible e carismático Tonhito de Poi á procura do mar na parroquia de Santa Mariña nun máis que recomendable vídeo que podes ver baixo estas liñas. Trátase dunha peza audiovisual que forma parte de Covelo, parroquia a parroquia,  un ambicioso proxecto do Concello de Covelo que procura pór en valor a toponimia e microtoponimia de cada unha das súas 14 parroquias. 

Aínda que “Covelo, parroquia a parroquia” naceu hai xa dous anos, ten as súas raíces moito antes, no labor e empeño de persoas como Alberte Reboreda e entidades como a Comunidade de Montes de Santa Mariña que desde hai moito tempo están a facer un traballo incansable de recuperación da súa historia e da súa toponimia.

A colaboración de Tonhito de Poi é un paso máis da iniciativa que comezou coa publicación de dous libros. ao teu dispor na páxina web do concello de Covelo e na sección “Publicacións de Interese” deste mesmo portal. O primeiro volume, “Barcia de Mera, notas de toponimia, historia e patrimonio”, aborda o estudo da toponimia desta parroquia a partir da xeolocalización de todos os seus nomes tradicionais e do estudo das fontes orais e documentais de diferentes etapas da nosa historia, desde o Catastro da Ensenada do século XVII aos máis recentes. O segundo volume, “Santa Mariña de Covelo, notas de toponimia, historia e patrimonio” rexistra máis de 700 “chamadeiros”, palabra que usan nesta parte de Galicia para denominar os topónimos.

Moitos destes topónimos que figuran nas dúas publicacións, máis de trescentos, xa foron introducidos na plataforma Galicia Nomeada grazas a Alberte Reboreda, un dos colaboradores máis prolíficos ata a data do proxecto institucional da Real Academia Galega mais da Xunta de Galicia, pois xa leva achegado máis de 2.000 nomes de distintas parroquias das comarcas do Condado e da Paradanta.

A campaña Toponimízate deste ano 2022 tamén terá unha parada neste concello para intentar involucrar a máis xente nesta fermosa iniciativa xa iniciada polo Concello e as Comunidades de Montes. Desde Galicia Nomeada prestaremos todo o noso apoio para que nun futuro próximo este concello pontevedrés teña toda a súa microtoponimia xeolocalizada e salvagardada. 
 

Primeiro vídeo da campaña "Covelo parroquia a parroquia"

Segundo vídeo da campaña "Covelo parroquia a parroquia"

Terceiro vídeo da Campaña "Covelo parroquia a parroquia"

Tipos